Andarela impulsa a recuperación e sinalización de Chan da Gorita

A asociación advertiu recentemente do uso inapropiado do conxunto durante unha actividade de tala de madeira
Un roteiro de Andarela no emblemático Con da Ventureira. ANDARELA
photo_camera Un roteiro de Andarela no emblemático Con da Ventureira. ANDARELA

Uns traballos de tala de madeira que se levaron a cabo recentemente nas inmediacións do conxunto megalítico Chan da Gorita volveron poñer en alerta á Ascociación Cultural Andarela, que leva máis dunha década traballando pola posta en valor das preto de media ducia de mámoas que poderían superar os 4.000 anos de antigüidade, e que se agochan no medio da maleza dos montes sanxenxinos. "Un membro da directiva atopou que, durante a tala, colocaran madeira enriba das laxes que formaban unha das mámoas", explica dende Andarela Estrella Martínez. Trátase dunha mámoa descoñecida, situada fronte ao Con da Ventureira, e que fora retirada e trasladada durante os traballos de construción da estrada.

A asociación deu aviso ao Concello, que rapidamente ordenou a retirada da madeira. "A xente non sabe da existencia deste patrimonio que non é coñecido", explica Martínez. Neste sentido, Andarela decidiuse a impulsar accións para solucionar o estado de abandono do conxunto. Neste sentido, vén de contactar co Concello de Sanxenxo, a Deputación e a Mancomunidade do Salnés para emprender algún tipo de acción. Así, xa se reuniu cos concelleiros responsables de Medio Ambiente, Cultura e Urbanismo do Concello de Sanxenxo para conseguir que se sinalicen as mámoas que forman parte do conxunto megalítico, e interceder con Patrimonio co obxectivo de conseguir "a súa posta en valor e recoñecemento". Andarela avanzou que o Concello de Sanxenxo mostrouse disposto a impulsar a recuperación de Chan da Gorita e que intercederá "para facilitarnos a colocación duns carteis moi necesarios para que a veciñanza saiba exactamente onde están estas pedras que contan con milleiros de anos de antigüidade, un patrimonio que en Sanxenxo é abundante e que tamén temos, por exemplo, en Aios". Ademais, o Concello xa contactou con Patrimonio para valorar a situación do conxunto megalítico e tratar de impulsar accións encamiñadas á súa posta en valor.

A asociación comezou a facer roteiros por Chan da Gorita hai varios anos e, por medio de veciños e expertos, foi descubrindo "cada vez máis mámoas". Para Andarela é fundamental recoñecer un patrimonio que parte da veciñanza descoñece aínda. "A xente non sabe que existen estas mámoas na zona, igual que tamén hai unha pedra de abalar. Todo o mundo coñece a de Muxía, e non sabe que en Sanxenxo tamén temos unha, e ademais é enorme. É un patrimonio que non está recoñecido, e precisamos axuda para poñelo en coñecemento da xente, xa que moitas persoas que fan os roteiros non saben que algunhas desas pedras polas que pasan son mámoas", sinala Martínez.

Dende Andarela, téñeno claro: "Decidimos que xa vai sendo hora de que as administracións se poñan a traballar. A afirmativa do Concello para tentar poñer sinalización xa é un paso en primeiro lugar, e logo precisamos que Patrimonio recoñeza o valor dun lugar tan rico coma este".

Unha riqueza dispersa polo rural de Sanxenxo
O conxunto megalítico de Chan da Gorita comezou a espertar interese arqueolóxico xa na década dos 80, cando o arqueólogo e antropólogo Buenaventura Aparicio comezou a estudar as pedras, entre as que destaca o emblemático Con da Ventureira, unha mámoa de gran tamaño situada en Padriñán que, segundo a asociación, cando a vexetación non a cubría, podíase ver dende o mar. Ademais, entre os veciños, antigamente era típico ir comer na súa contorna os luns de Pascua. O rural sanxenxino está pragado deste tipo de vestixios, cuxa antigüidade podería superar ás pirámides de Exipto.

Comentarios