A asociación Neen@s cumpre seis anos de loita inesgotable pola inclusión

María Cobas despídese da presidencia da asociación sanxenxina Neen@s cando se cumpre o sexto aniversario da súa fundación ► Naceu en 2015 co obxectivo de unir forzas entre as familias e darlles un futuro aos cativos con necesidades especiais da provincia
María Cobas, socia fundadora e presidenta da asociación. DP
photo_camera María Cobas, socia fundadora e presidenta da asociación. DP

Fundouse no 2015 en Sanxenxo co impulso de 19 familias, pero hoxe supera os 200 asociados de toda a provincia, especialmente do Salnés. A asociación Neen@s cumpre este 2021 seis anos loitando pola inclusión duns cativos e cativas que non viñan con libro de instrucións, e para os que actos tan cotiás como asistir á clase ou xogar nun parque supoñen cada día unha serie de barreiras que non poderían superar sen a unión das familias e a concienciación social. Como socia fundacional, foi María Cobas quen estivo todos estes anos ao pé do cañón xunto a un gran equipo, e quen, dende a presidencia, encabezou accións solidarias co único obxectivo de darlles un futuro aos pequenos. Nuns días Cobas despídese da presidencia por motivos de saúde, deixando atrás un legado que para moitas familias será difícil de esquecer.

"Naquel momento había moitas familias con nenos con necesidades especiais en Sanxenxo", lembra a aínda presidenta, "e non estaban atendidos, non había información sequera de centros educativos na zona, e tiñamos moitos problemas para que estes cativos recibiran a atención que precisaban", conta. A solución chegou de xeito natural. "Decidimos formar unha asociación para intentar concienciar aos centros e á sociedade, para que estes nenos poidan ter unha oportunidade e chegar a ser independentes", asegura.

Hai que darlle visibilidade a isto para que a sociedade saiba por que hai nenos no colexio que non poden estar sentados atendendo

Ao longo dos anos foron moitas as iniciativas que Neen@s impulsou de xeito solidario. Para a directiva, a prioridade sempre foi "axudar ás familias". Por isto, basándose nos diagnósticos e nas situacións económicas familiares, a asociación impulsa catro becas cada mes de decembro que saen adiante con fondos propios e que serven para cubrir os gastos que xeran as necesidades dos cativos e cativas. "Cada vez Educación aproba menos becas e, de feito, de cara ao ano que vén, se non hai unha discapacidade de por medio non vai haber opcións. Sen embargo, hai moitos nenos que sen chegar a ter unha discapacidade, poden ter unha serie de trastornos que lles impiden realizar as tarefas que fan outros nenos, e para as que necesitan terapias que moitas veces os pais non poden pagar", asegura Cobas. Neste sentido, Neen@s concentrou os seus esforzos todos estes anos en "recaudar diñeiro mediante eventos" para becar a catro cativos durante un curso escolar, cubrindo os gastos de logopedia, psicoloxía, pedagoxía e incluso terapias de piscina.

Outro dos grandes papeis que xogou a asociación foi o informativo. "Cando te ves nunha situación así non sabes a onde ir. Un colexio pode detectar algún tipo de trastorno nun neno, pero en moitos centros educativos ou servizos sociais da zona non te informan dos pasos que hai que seguir", explica Cobas. Neste sentido, Neen@s asesora ás familias que se dirixen á asociación dende o primeiro momento en materia de documentación, coa que poder valorar a tramitación dalgún tipo de beca, axuda, ou acollerse á lei de Dependencia, no caso dunha discapacidade. "Tratamos de apurar os diagnósticos e de apoiar e orientar ás familias", aclara.

Despois de moitos anos de traballo constante, a aínda presidenta vaise cun sorriso na cara. "Seguirei prestando o meu apoio como socia, e agardo que a nova directiva continúe a traballar e a axudar ás familias, porque cada ano entran nenos novos nos colexios que non son atendidos como precisan", afirma. Aínda que sabe que "algunhas cousas cambiarán na asociación", algo que valora coma un feito positivo, non dubida do seu papel a nivel social. "A sociedade non ten moita conciencia sobre este tema, cando hai moitísimos nenos con dificultades de todo tipo, non só físicas, senon psicolóxicas, e moitos trastornos e síndromes diferentes", di. "É algo que só podemos entender a xente que o pasamos, pero hai que darlle visibilidade ao tema, para que a sociedade saiba por que hai nenos no colexio que non poden estar sentados atendendo á clase, ou que, como se adoita dicir de xeito erróneo, molestan aos compaleiros. Lévano nos xenes, non todos somos iguais": 

Na despedida da que foi unha parte moi importante da súa vida, Cobas leva todo o traballo feito coas familias nos últimos anos. "Saber que axudamos a endereitar as súas vidas é unha sensación persoal moi grande", di.

Axuda en tempos de pandemia
A asociación Neen@s de Sanxenxo foi unha das grandes abatidas no municipio a causa da pandemia. Segundo explica a aínda presidenta, María Cobas, a entidade sostense únicamente coa cota de 12 euros anuais por socio, ante a imposibilidade de realizar eventos solidarios, como adoitaba facer. "Coa pandemia tivemos máis gastos que ingresos porque intentamos seguir becando ás familias para que poidan continuar traballando cos cativos, e está a ser moi complicado", explica Cobas.
Neste sentido, a asociación demanda "máis axuda institucional, porque a situación das familias está sendo moi difícil e moita xente está quedando sen traballo, pero os nenos precisan que se traballe con eles igualmente, e sen un apoio é inviable seguir adiante", asegura.
Segundo Cobas, os gastos en terapias poden roldar os 350 euros ao mes nos casos nos que é necesaria unha cadencia de tres veces á semana. "Hai nenos aos que lles chega cunha vez á semana, pero tamén hai casos extremos que van cinco días, e son nenos que teñen tamén dificultades físicas". Neste sentido, as familias non atopan saídas na Seguridade Social xa que "no caso da psicoloxía e logopedia é moi difícil. No centro de logopedia que hai en Poio ás veces hai unha lista de agarda dun ano para poder entrar, con sesións de 30 minutos moitas veces compartidas e espalladas no tempo, e os cativos necesitan continuidade", aclara.

Comentarios