A Anpa do IES A Salgueira pide máis profesorado no seu ano con máis alumnos

O pavillón do centro quedará inutilizado para as clases de Educación Física ao non facerse cargo da súa limpeza as administracións

A Anpa do IES A Salgueira, en Vilalonga, vén de solicitar a incorporación de dous mestres máis de cara ao inicio do curso, no que o instituto contará cun maior número de alumnado (case 700) que durante os últimos anos. A asociación de nais e pais critica que, nestas datas, e a piques de comezar o curso escolar, o centro conte cun único mestre a maiores. "Hai que ter tamén en conta que as ratios no noso centro na Eso van ser de entre 22 e 24 alumnos, pero en Bacharelato subimos as ratios ata 33 alumnos", sinalou en calidade de presidenta Sandra Fernández Agraso.

Fernández Agraso explicou tamén que o instituto chega a contar con tres liñas "en todos os cursos da Eso e catro liñas nos dous cursos de Bacharelato, a parte de Ciclos Formativos medios e superiores, FP básica e adultos".

Tras manter unha reunión o pasado mércores, a Anpa coincidiu na urxencia de pedir ás administracións que asuman a limpeza do pavillón deportivo do centro, posto que "a pesar que de hai seis meses que sabían que había que preparar de maneira responsable o inicio escolar, comunicáronnos a imposibilidade de utilizar o pavillón para a realización de Educación Física por non facilitar a limpeza necesaria diaria para o seu uso". O colectivo concentrouse ste venres no instituto en sinal de protesta.

Comentarios