Arde de madrugada en Meaño o coñecido Muíño da Ferreira

A responsable do local afirmou, aínda co "nerviosismo no corpo", que no sabe cando poderán "volver abrir as portas"
A responsable do Muíño da Ferreira, Adelina Escudeiro, revisou este domingo o alcance dos danos. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera A responsable do establecemento, Adelina Escudeiro, revisou este domingo o alcance dos danos. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Eran as 22.00 horas do sábado cando Adelina Escudeiro Balboa, coñecida como Lita, pechaba a porta do popular local de hostelería Muíño da Ferreira, situado no lugar de Lores, en Meaño, despois de toda unha xornada de traballo. "Pechei e apaguei todo, como fago sempre, todo estaba ben", lembra a actual concesionaria do establecemento, que leva catro anos aos mandos do antigo muíño de titularidade municipal no que se empraza o negocio. Foi cara as 2.00 horas da madrugada do domingo cando soubo que algo non ía ben. "Estaba durmindo e chamáronme os da alarma, dicindo que saía fume. Volvín alí inmediatamente, fun a primeira que chegou e xa vin o fume e o lume dentro do local. Logo chegaron os bombeiros e a Garda Civil", explicaba onte a este medio.

Aínda co "nerviosismo no corpo", a responsable do Muíño da Ferreira agradecía "que todo se quedara en danos materiais e non houbera ningún dano persoal". Os traballos para sofocar as chamas prolongáronse ata as 3.00 horas, e tal e como afirmou Escudeiro, debéronse a "un curtocircuíto".

O local permanecerá pechado "varios días" ata que se leven a cabo os traballos de reparacións que cubre o seguro, a falta de que o perito inspeccione hoxe as instalacións. As lapas calcinaron aproximadamente "a metade do local", principalmente a zona de cafetería e varios tramos de teito.

Durante a tarde deste domingo, a responsable do coñecido establecemento revisaba as perdas que supuxo o incendio que chega, ademais, nun momento delicado para a hostelería. "Que pase isto agora é algo que nos vai influír moito, porque os clientes chaman e non sabemos cando imos poder volver abrir as portas", explica Escudeiro.

Ademais, os danos son maiores, se cabe, ao tratarse dun lugar que forma parte do patrimonio municipal. "Este muiño leva aquí toda a vida, eu xa o lembro de cando era pequena. Logo restaurárono, e levará aberto como tapería á beira de 17 anos", lembra a resposable.

Ao lugar acudiron os bombeiros de Ribadumia, Emerxencias de Sanxenxo e a Garda Civil, requeridos polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias.

Comentarios