Arnosa repara a súa memoria 83 anos despois

A ofrenda en homenaxe ás 23 vítimas mortais do afundimento dun galeón en Arnosa en 1940 e a estrea do documental 'O barro da vida' contou coa asistencia dunhas 250 persoas, respectivamente, na que foi unha xornada histórica en Vilalonga
Ofrenda floral no pantalán de Arnosa. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Ofrenda floral no pantalán de Arnosa. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Con flores, bicos ao mar e lembranzas dun tempo pasado marcado polo traballo de sol a sol, as mans curtidas polo barro, o cheiro a salitre, e tamén polo silencio. Así rescatou este domingo a veciñanza de Vilalonga unha memoria esquecida durante 83 anos pero que, non obstante, sempre latexou no corazón daqueles cativos que hoxe son os avós e avoas dunha parroquia que por fin puido darlles voz.

A histórica xornada do domingo, que homenaxeou durante a mañá cunha misa e ofrenda floral ás 23 vítimas mortais do naufraxio dun galeón que o 25 de febreiro de 1940 afundiu na enseada de Arnosa cando regresaban de marisquear do Grove, e na que pola tarde se estreou o documental O barro da vida, contou coa asistencia dunhas 250 persoas, respectivamente, e comezou nas inmediacións do pantalán de Arnosa, nunha carpa ateigada na que se celebrou unha misa en homenaxe aos e ás falecidas, e na que tamén se levou a cabo unha lectura sobre a tradición do barro na parroquia.

Carpa instalada no pantalán de Arnosa. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Numerosas personas ateigaron a carpa. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Tras o acto litúrxico, chegou o momento da emotiva ofrenda floral, que contou coa participación de Maximino González, unha testemuña directa do naufraxio do galeón, que viviu o suceso en primeira persoa cando, de cativo, ía co seu tío nun bote a poucos metros do lugar do afundimento. El e outras veciñas foron os encargados de levar o ramo de flores ao pantalán, nun acto solemne no que llo entregaron a un mariñeiro de Arnosa, que o guindou ao mar en memoria dos e das falecidas.

O documental

Presentación do documental O barro da vida. DP
Presentación do documental 'O barro da vida'. DP

Pola tarde, a veciñanza trasladouse ao Bar O'Spa (antigo Cine Don Juan), que acolleu a estrea do documental dirixido por Xan Leira, que rescata a lembranza dese afundimento para reparar a memoria que, nos tempos da Ditadura foi silenciada, e no que tamén se rescata a tradición telleira de Vilalonga que, para Víctor Padín Esperón, unha das primeiras testemuñas que aparecen no vídeo, significou traballar dende ben cativo. "Con nove anos empecei con meu pai. O barro amasábase nunha pieira grande cun cabalo e despois o carretilleiro traíao para a eira. Meu pai era o que facía as tellas e eu vendíaas. O meu pai collía o barro coa man na grava e eu levaba para a eira. Así un día tras outro, un día tras outro...", conta.

Para Francisco Camiña Torres Melchor, o traballo no barro, que daba de comer á familia, continúa a ser moi duro nas súas lembranzas. "Foi toda a vida coma un escravo traballando. Miña nai traballaba coma un home", lembra, ao igual que Herminia Dadín Méndez, quen tamén viviu toda unha vida de "traballo na terra" xunto coa súa nai. E é que "aquí en Vilalonga había que ir ao barro, non había outra. Era o traballiño que había", asegura no documental Jacinto González Caneda.

Outras testemuñas lembran a pobreza, a escaseza que deixara a guerra, a fame e tamén a solidariedade veciñal, que xogou un importante papel na vida de tantas persoas desamparadas nunha época dura, que dende agora custodia a memoria documental.

Precisamente, as palabras dos e das protagonistas, serviron para inspirar un dos temas que o músico vilalongués Dani Dopazo compuxo para o vídeo e que foi, sen dúbida, unha das sorpresas da xornada.

Comentarios