Arranca no Grove a residencia artística 'DepoCrea'

Na actividade, que se extenderá ata o 11 de novembro, desenvolveranse proxectos multidisciplinares que abranguen dende a fotografía á instalación, pasando pola composición musical, o cinema e a pintura
Carmela Silva e participantes no 'DepoCrea'. DP
photo_camera Carmela Silva e participantes no 'DepoCrea'. DP

O programa DepoCrea botou a andar este venres no Náutico de San Vicente do Grove, no que están a participar, compartindo residencia creativa ata o 11 de novembro, as e os artistas Carla Andrade, Pablo Barreiro, Macarena Montesinos, Diego Vites, Yolanda Ríos e Olmo Blanco ,e que contou coa presencia da presidenta da Deputación, Carmela Silva.

A iniciativa, que lanza por primeira vez o ente provincial, ten por obxectivo promover espazos diferenciais para a creación contemporánea nunha contorna única, apostando polo sostible e onde natureza, cultura e cidadanía se mesturan en perfecta simbiose. As creadoras e creadores traballarán durante 15 días nuns proxectos que se darán a coñecer o 12 de novembro e que terán en común un marcado carácter multidisciplinar, que vai dende a fotografía á instalación, pasando pola composición musical, o cinema ou a pintura.

“Trátase dun auténtico laboratorio creativo, unha convivencia máis alá da creación, onde as e os artistas van interactuar entre si e coa contorna máis inmediata e que nos convirte, unha vez máis, nunha Administración de referencia en Galicia neste tipo de actividades” asegurou a presidenta da Deputación. Carmela Silva detallou que as e os artistas contan cunha ampla traxectoria profesional, con premios e bolsas de residencia, e desenvolverán proxectos que parten dunha ampla investigación previa do territorio que agora se enriquecerá cun proceso de interrelación.

As creacións dos artistas

Carla Andrade (Vigo, 1983), desenvolverá un proxecto de fotografía expandida; Pablo Barreiro (Meaño, 1982), aposta por unha iniciativa de escultura-instalación; Macarena Montesinos (Vigo, 1982), por un proxecto de pintura, escultura, fotografía, cine e arte de acción; Diego Vites (Pontevedra, 1986) traballará con pintura, animación e deseño; Yolanda Ríos (Moaña, 1979), cunha iniciativa de arte sonora e audiovisual; e Olmo Blanco (Boiro, 1982), con escultura e instalación. Elas e eles foron escollidos por unanimidade por un xurado de entre 33 candidaturas de toda España, amais dalgunhas de Portugal, México e Grecia que están residindo actualmente en Galicia.

Con DepoCrea a Deputación de Pontevedra reafirma o seu apoio á produción contemporánea, situando á cultura como unha ferramenta de inclusión e participación cidadá, ademais de remarcar a sustentabilidade e igualdade como valores fundamentais. A residencia artística comezará co proceso de creación, no que haberá visitas do público mentres o grupo de artistas vai desenvolvendo de forma conxunta os seus proxectos, nun formato de portas abertas. Nunha segunda etapa as e os artista poden precisar da participación do público e/ou de colectivos locais concretos.

Durante o proceso, tamén terán lugar visitas de profesionais do sector, que impartirán conferencias e charlas para aportarlles ás creadoras e creadores participantes asesoramento e experiencias, alén de compartir con elas/eles os seus proxectos en pleno proceso. Asemade, terá lugar unha xornada de divulgación, trala primeira semana do proceso de creación, na que cada artista falará sobre o traballo que está a desenvolver e a súa traxectoria.

Comentarios