Arte que fai grande ao Grove

Os Grovemakers adícanse a divulgar o traballo artístico local e que poñen en valor á zona das Rías Baixas nunha proposta "sostible, fresca e exclusiva", din os seus promotores
Sede de Grovemakers. DP
photo_camera Sede de Grovemakers. DP

Os Grovemakers son "esa xente que fai cousas". Así é como os presenta a ilustradora e membro fundadora da iniciativa, Andrea Menéndez. Trátase dun conxunto de artistas locais que se unen para poñer en valor o traballo creativo e artesanal que nace ao abeiro do municipio. Ademais de vender as súas obras, estes artesáns ofrecen axuda mutua nos diferentes procesos que pode atopar un artista autónomo e procuran pór en valor o patrimonio e costumes de Galicia nunha proposta que definen como "fresca e sostible".

A historia dos Grovemakers ten a súa orixe na Festa do Marisco do Grove do 2016. O Concello abríu unha iniciativa para colocar un espazo na festa para pór en valor o talento local.

"O Grove é unha vila pequena onde nos coñecemos todos e, dende o Concello, chaman a cada unha das marcas por separado para ofrecernos ese lugar de visibilidade", subliña Andrea Menéndez. "A cousa funcionou e decidimos continuar", engade.

A asociación, que se nutre das cotas semestrais dos socios, procura divulgar a arte local, así como axudarse na profesionalización do seu oficio. "É moi duro estar só e ás veces botas en falta que alguén che bote unha man", expresa Menéndez.

Dar apoio e axudar a outros creadores "a non cometer os mesmos erros que nós cometemos na profesión" é outra das fins deste colectivo que quere ser punto de apoio e de retroalimentación entre os profesionais das artes.

Unha das artesás que integran o movemento Grovemakers. DP
Unha das artesás que integran o movemento Grovemakers. DP

"O colectivo Grovemakers nace pola dinamización da economía circular da zona de O Grove", conta a fundadora. A iniciativa artística procura ser sostible en todo o que fai e, para iso, a retroalimentación entre as marcas é decisiva.

"Aínda non conseguimos ser 0 waste, pero procuramos que as cousas que facemos sexan sostibles e non engadan plásticos dende a embalaxe", sostiene Andrea.

Como formar parte do colectivo Grovemaker

"Todos os nacidos no Grove ou afincados aquí poden integrarse". Aínda que o requisito principal é a raigame no municipio, existen outros puntos clave para formar parte do colectivo artístico. "É fundamental que o candidato ou candidata teña unha dose de creatividade, artesanía e deseño no seu traballo e ter a intención de profesionalizar o teu oficio", conclúe a impulsora desta proposta.

Comentarios