Así funciona a lonxa de Portonovo

O SABOR DA AVENTURA NO MAR ▶ Alumnos do instituto Valle Inclán de Pontevedra tiveron ocasión de familiarizarse onte co día a día das instalacións mariñeiras. Os mozos recrearon unha poxa de diferentes produtos marítimos, baixo a tutela de Rosa Quintana

A conselleira de Mar, Rosa Quintana, falando cos rapaces na lonxa. DP
photo_camera A conselleira de Mar, Rosa Quintana, falando cos rapaces na lonxa. DP

Un grupo de 60 alumnos de 1º de ESO do IES Valle Inclán de Pontevedra tiveron onte ocasión de coñecer de primeira man o funcionamento da lonxa de Portonovo. A actividade que desenvolven os mariñeiros, as artes que utilizan no seu día a día, o sistema de poxas, a comercialización e as especies que se poden mercar nestas instalacións foron algunhas das cuestións que se trataron nunha visita que tivo á conselleira de Mar, Rosa Quintana, coma mestra de cerimonias.

Acompañada polo patrón maior da Cofradía de Pescadores San Roque, Juan José Besada, a titular do departamento autonómico explicou aos rapaces cales son as pautas que hai que seguir, por exemplo, cando se toma parte nunha subasta. "É moi importante coñecer o labor que se desenvolve no mar e temos que saber valoralo", sinalou. Os rapaces exerceron de mercadores nunha poxa improvisada, na que se puñan á venda especies típicas deste enclave das Rías Baixas como a rincha, a pescada ou o lirio. Os estudantes comprenderon rapidamente que os prezos que se ofrecen deben ser competitivos e asequibles, xa que, posteriormente, "hai que sacarlle valor nos establecementos". Mentres escoitaban estas explicacións, os cativos permanecían moi pendentes das pantallas de información sobre as características dos produtos e ían facendo as súas propostas, ata ofrecer prezos moi razoables.

Quintana tamén se mostrou moi interesada en coñecer se o peixe é un dos ingredientes habituais no menú diario dos mozos do IES Valle Inclán. Neste sentido, a conselleira de Mar fixo moito fincapé na importancia de consumir este tipo de especies, xa que "son fundamentais para a nosa saúde".

CITA CONSOLIDADA. A visita de onte a Portonovo forma parte do programa "O sabor da aventura no mar", posto en marcha hai nove anos pola Xunta de Galicia, coa meta de impulsar o consumo de produtos marítimos entre os máis cativos, xa que "teñen un baixo contido calórico, son ricos en ferro e vitamina D e tamén en ácidos graxos Omega-3", sinalou a representante da Administración autonómica. En todo caso, a excursión realizada á lonxa da vila sanxenxina tamén pretendía amosar aos rapaces todo o proceso que se debe completar desde o intre no que se realizan as capturas "ata que os alimentos chegan ás nosas casas", recalcou Rosa Quintana. Ademais, os alumnos do IES da capital de provincia tiveron a oportunidade de gozar dunha degustación, celebrada nunha das salas dunha lonxa que foi reformada hai uns anos grazas a un forte investimendo realizado pola Xunta de Galicia.

Desde a súa posta en funcionamiento en 2010, "O sabor da aventura no mar" contou coa participación de máis de 51.000 nenos de toda Galicia. Só durante o pasado curso lectivo tomaron parte neste tipo de iniciativas uns 15.000 estudantes aproximadamente.

Ademais, en 2017 a Comisión Europea puxo como exemplo esta iniciativa á hora de salientala como unha das actividades máis importantes correspondentes a proxectos financiados por Bruxelas.

Comentarios