Así traballan os 'elfos' de Noalla

O colectivo A Esmorga aumenta este ano a superficie da festa e triplica os exemplares de carballo dispoñibles para apadriñar no seu Bosque do Nadal ► Atópase inmerso na fabricación de varias casas de madeira máis, que nesta ocasión elaboran coas súas propias mans desde cero
Os membros do colectivo A Esmorga adican as xornadas dos sábados a sacar adiante a construción do decorado de Nadal, cun labor participativo e en cadea. DP
photo_camera Os membros do colectivo A Esmorga adican as xornadas dos sábados a sacar adiante a construción do decorado de Nadal, cun labor participativo e en cadea. DP

En total son 31 e, deles, 27 adican, dende o pasado mes de outubro, o seu tempo libre e as súas enerxías a confeccionar o Bosque do Nadal que este ano encherá a carballeira de Noalla de maxia, ledicia e ilusión. Os elfos e elfas da Asociación Xuvenil A Esmorga son os que fan posible unha segunda edición que, grazas ás súas ganas de mellorar, instaura este ano unha cita sólida no calendario do Nadal sanxenxino, e que nesta ocasión chegará con grandes novidades.

Porque, ante todo, o que importa neste grupo tan compacto é "o compromiso", e tamén algunha que outra dote de carpintería e electricidade. Así, todos os sábados reúnense para construír as casiñas ás que, este ano, segundo apunta o vicepresidente do colectivo, Damián Garrido, ás xa existentes sumaranse outras catro de maior tamaño, e coas que os integrantes do colectivo decidiron ir un paso máis alá. "O ano pasado encargamos a unha empresa o que é a estrutura e logo nós pintámolas e adornámolas, pero este ano mercamos o material e decidimos facelas nós desde cero. O grupo que se encarga do Bosque de Nadal reparte as súas tarefas, uns cortan, outros van aparafusando, e outros encárganse de deseñar os adornos", conta o vicepresidente da asociación.

Traballos de preparación do Bosque de Nadal de Noalla. DP
Traballos de preparación do Bosque de Nadal de Noalla. DP

E, ademáis de ser máis grandes que as estreadas na pasada edición, as casas de Nadal contarán con chemineas das que sairá fume e tamén con todo tipo de decoración festiva a modo de experiencia inmersiva que agarda deslumbrar a maiores e pequenos, nunha edición que terá outras novidades coma a simulación dun río e a instalación dunha carpa no bosque, para que albergue todas as actividades.

"Agora mesmo estamos a pleno rendemento. A xente está moi comprometida. Cando xuntas 27 persoas poden ter ideas moi dispares á hora de levar a cabo un proxecto así, pero o bo é que entre todas entendéronse e puidemos coller un pouco de cada idea. Así o proxecto faise ben e sae adiante", asegura Garrido, orgulloso, quen lembra que o decorado comprende tamén certa complexidade, ao contar "cunha instalación eléctrica" e ao medrar nesta ocasión a súa magnitude.

"Somos moita xente, pero tamén temos moito traballo. Hai moito cableado, traballos de pintura e demais, pero facémolo polo pobo e ese día merece a pena", afirma, destacando o apoio de "varias empresas de Noalla e de todo o municipio, e do Concello, así como a unión coa Comunidade de Montes de Noalla".

Máis carballos

Se algo distingue o Bosque do Nadal de Noalla é, precisamente, que toda a veciñanza pode ser partícipe da festa dun xeito explícito, grazas á iniciativa, inaugurada xa na súa primeira edición, que permite que calquera familia poida apadriñar un carballo dos que forman o bosque. Deste xeito, a cambio dunha doazón de 10 euros destinados a fins non lucrativos, unha das árbores que forman o Bosque do Nadal poderá levar o nome dos nenos da casa, da familia, da parella, do propio doante ou de calquera ser querido ao que queira adicarlle a acción. Ademais, estarán adornados por grilandas de luces.

Tal foi o éxito da iniciativa na pasada edición, que este ano a asociación aumenta a superficie de celebración da festa e triplica o número de carballos dispoñibles para apadriñar, e que suman 40 exemplares máis, ata un volume de 60 árbores.

Programación

O recinto inaugurarase o día 6 de decembro (18.30 horas) con contacontos e chocolatada de balde. O día 10 (19.00 horas) haberá unha visita do Trasno Fantástico e o 23 achegaranse ao bosque Papá Noel e o Apalpador (18.30 horas). Como novidade máis recente, o colectivo incorporou ao cartel o espectáculo Un circo de Nadal a cargo de Nelson Quinteiro para o día 16 (18.00 horas), e os eventos pecharanse o 30 de decembro coa festa pre fin de ano amenizada por Paco Vulkano (18.30 horas).

Ademais, o mercado de Nadal estará aberto todos os venres, fins de semana e festivos do mes de 17.00 a 21.00 horas, e contará con sorteos para os alí presentes. Tamén estará activa unha recollida de alimentos en favor de Cáritas Noalla e de xoguetes para a campaña Cada neno, un xoguete da asociación Stop de Vigo.

Comentarios