A aula do CEIP A Florida múdase á praia da Panadeira

O alumnado de 5º de Primaria cambiou os libros de texto pola praia para estudar o ecosistema, nun proxecto no que, ademais de investigar os seres vivos mariños, aprende sobre a importancia da limpeza e da reciclaxe
undefined
photo_camera Alumnos e alumnas do centro educativo durante a examinación de seres vivos e a recollida de lixo no areal. DP

Nin ordenadores nin libros de texto. O alumnado de 5º curso do CEIP Plurilingüe A Florida de Sanxenxo trasladou esta semana a aula á praia da Panadeira para aprender directamente da natureza. Nunha man un completo dosier de investigación deseñado pola titora e, na outra, algas mariñas, bivalvos e toda clase de seres vivos que puideron atopar entre as rochas.

O proxecto, que se centra no ecosistema dunha praia urbana, está deseñado para que os cativos e cativas exploren os seres vivos intermareais, a vexetación, a area, as rochas ou a auga salgada en vivo e directo, e todo isto sen esquecer o respeto ao medio ambiente.

undefined

Neste sentido, os nenos e nenas da Florida tamén lle devolveron á praia algo do que lles deu: ademais de explorar, limparon, e a conciencia. Así, tal e como explica o director do centro, Pedro Solla, durante as tarefas "recolleron plásticos e microplásticos na area, que van mirar coa lupa binocular na aula maker a semana que vén", co obxectivo de comprender a composición destes materiais e de que xeito afectan a un ecosistema, sacando unha gran ensinanza: "para mantelo limpo, deben reciclar na casa e na escola", sinala Solla.

Algunhas das mostras vivas foron trasladadas ao acuario de auga salgada do centro para seguir investigando 

Neste sentido, o centro educativo dispón de cubos para clasificar o lixo, e tamén dun composteiro para reciclar a materia orgánica dos xardíns.

Durante a recollida, o alumnado empregou luvas e bolsas de plástico nas que clasificaron directamente os materiais recollidos, para logo depositalos nos contedores específicos que se atopan na Praza de Abastos de Sanxenxo. Entre o botín recolectado, atoparon vidro, papeis e moito plástico.

Pero o traballo non queda aquí. Algunhas das mostras de vivas atopadas na praia da Panadeira trasladáronse co alumnado ao centro educativo, onde as seguirán estudando no acuario de auga salgada do que dispón o colexio para este tipo de actividades.

O CEIP A Florida aposta dende hai anos pola educación en contacto coa natureza, a través de diferentes proxectos e actividades postos en marcha tanto no interior do recinto escolar coma no exterior.

undefined

Ademais de contar cun composteiro, o pasado ano puxo en marcha unha nova horta para o alumnado de Educación Infantil, grazas ao impulso de toda a comunidade escolar, no que os cativos e cativas aprenden a cultivar, e tamén a distinguir os diferentes tipos de froitas das árbores xa existentes dende hai anos.

A maiores, en 2019 foi elixido como un dos catro centros no Estado nos que se celebrou a Semana Mundial da Educación Vial, xunto a Madrid, Málaga e Almería.

Comentarios