Aunios, un organismo vivo

A Asociación Cultural PiñeirÓns vén de editar o número 26 da revista Aunios, unha publicación que adica gran parte das súas páxinas á Illa de Ons e ao Salnés
María Castroviejo con Eugenia, informante illeira. CEDIDA
photo_camera María Castroviejo con Eugenia, informante illeira. CEDIDA

A asociación cultural PineirÓns mantense fiel os seus costumes. A entidade editou recentemente o número 26 da revista Aunios, que adica gran parte do seu contido á Illa de Ons, pero tamén á comarca do Salnés e a ría de Arousa.

Esta publicación naceu da necesidade que había en 1998 de estudos e investigacións sobre as "importantísimas peculiaridades" da Illa de Ons, en especial, en temáticas como a histórica, etnográfica e antropolóxica. "Tendo en conta que Ons é unha illa cunha última poboación que data dende 1810 e que, debido ao seu illamento tanto xeográfico como institucional, fixo que nacesen no seu seno unha cultura popular única que, por desgraza, ninguén, agás un par de traballos nos anos 30 e 50 do pasado século XX, investigou sobre ela", explica Tino Pardellas, presidente da Asociación Cultural PineirÓns.

Sacar adiante a revista Aunios tiña como obxectivo para a asociación "dar a coñecer as interesantes características de Ons, presentalas e intentar animar, incitar e estimular aos investigadores, aos organismos oficiais que a xestionan e á universidade de que, a tiro de pedra, tiñan un campo virxe en estudo e investigación magnífico, insólito, excepcional..., pero sobre todo virxe nesas investigacións para así avivar a súa curiosidade e conseguir con iso o nacemento de investigacións científicas e feitas por persoal especializado".

Pardellas explica que, pouco a pouco, a asociación conseguiu suscitar o interese en moitas persoas para participar na publicación. Con todo, o presidente de PineirÓns puntualizou que dende a administración "son moi remisos a subvencionar, axudar, promover... estudos máis alá dos naturais e medioambientais".

É por iso que "queda moito por facer", sobre todo no campo etnográfico que, "de non facelo xa, perderémolo para sempre, xa que, nestes intres, se poden contar cos dedos dunha soa man as persoas que poden falarnos da importantísima cultura popular illán: contos, lendas, toponimia, bruxería... xeito e etapas de vida ata 1970".

ALONSO E CASTROVIEJO. A vixésimo sexta edición de Aunios quixo incluír unha homenaxe a dous investigadores que centraron o seu traballo, precisamente, no estudo da cultura popular da Illa de Ons. Fernando Alonso Romero e María Castroviejo Bolivar foi un matrimonio que, tras namorarse dos encantos e os "entresijos" da illa, realizou unha serie de investigacións durante os anos 70 e que foron "fundamentais".

Esta homenaxe, que abarca unhas 20 páxinas das 88 da publicación, está composta por varios artigos e comentarios que falan da vida e da obra deste matrimonio, facendo especial fincapé nos traballos centrados na Illa de Ons. Fernando Alonso Romero, historiador, realizou en Ons varios estudos relacionados coa cultura popular e a etnografía do lugar, mentres que a súa muller, oftalmóloga natural de Moaña, investigou sobre a medicina popular na illa, sobre o que ten varios traballos. Das investigacións de ambos xurdiron varias publicacións conxuntas.

En Aunios, sobre o traballo do matrimonio en Ons, colaboraron Alfredo Erias, Tino Pardellas, Santiago Boado, o doutor en Mediciña e Ciruxía da Universidade Miguel Hernández Julio A. Carbayo, e o catedrático en Prehistoria da Universidade Complutense de Madrid Martín Almagro-Gorbea.

O resto da publicación recolle textos e estudos xerais sobre a cultura popular da Illa de Ons ou incluso a historia de Valentín Briones, un alcalde vilagarcián que foi preso en San Simón. Outros artigos que se recollen son "A bordo do Abrakadraba polos Sete mares", de Maracaibo, e "Loureiros, furanchos, sexo e universalidade", de Francisco Calo.

Comentarios