Os bateeiros de Arousa piden poder recoller a mexilla sen impedimentos

Os percebeiros de Cangas aseguran que a súa recollida nesta época pode afectar "negativamente" á tempada do percebe, polo que piden solucións á Consellería do Mar
Algunhas bateas na ría de Arousa. GONZALO GARCÍA
photo_camera Algunhas bateas na ría de Arousa. GONZALO GARCÍA

A recollida da mexilla, a cría do mexillón, continúa sendo un conflicto que todavía segue sen resolver. Nas últimas semanas, os problemas e os altercados entre os bateeiros e os percebeiros viñéronse dándo ao longo de toda a costa galega, xa que ambas partes posiciónanse cos seus propios argumentos.

O detonante tivo lugar a semana pasada cando os bateeiros se desprazaron ata Cabo de Home para recoller a mexilla, debido a escaseza da cría na zona da Illa de Arousa, Portonovo, O Grove ou Sanxenxo, lugar onde os arousáns acoden a faenar con regularidade. Tras algunhas xornadas traballando na costa canguesa, o mércores, os bateeiros atopáronse con problemas no camiño por parte dos percebeiros da zona, que lles impediron acudir realizar o seu traballo realizando cortes na estrada. Este altercado levou a que os de Arousa xa non acudiran o venres.

Por este motivo, os bateeiros comenzaron a mobilizarse a través das redes sociais para atopar unha solución. Nicolás Oubiña, de 30 anos natural da Illa de Arousa, explica que "levamos uns días querendo ir traballar e temos seguido problemas con eles e non nos deixan facer o noso traballo".

Oubiña asegura que o problema parte de que "eles queren a cría para vendérnola eles e nós non llo queremos consentir". Para o arousán, os percebeiros poñen "a excusa de que estropeamos o percebe, pero non é así, porque o que queren é a concesión".

"Eles din que non podemos ir alí porque estropeamos o desobe do percebe porque se pega a cría, pero eso non é certo, ademais de que nos recollemos a que queda fóra do mar", explica.

Esta problemática afecta a cerca de 1.000 bateeiros só da ría de Arousa, polo que ven imprescindible "buscar solucións, porque nós pagamos por ir á cría, temos os nosos papeis. Nós mañá (por este luns) imos ir traballar porque o estamos facendo legalmente".

Nicolás Oubiña, que leva realizando este traballo desde os 13 anos, di que "nunca houbo problemas deste tipo,porque eso faise desde que as bateas están no mar".

"A culpa do que pasou é nosa por comprarlle a cría a xente que non ten por que facelo. Cando hai necesidade e non hai cría como este ano, cando a alguén lle sobra comprámoslla", remata Oubiña.

PERCEBEIROS. A Confraría de Pescadores San José de Cangas quíxose pronunciar ao respecto e considera que "se trata dun clásico" o de que membros do sector de acuicultura de bateas de mexillón pretendan acceder a bancos nos que se cría a semente de mexillón e se atopan coa protesta dos percebeiros, "porque comproban como se están danando os seus bancos de percebe, que van supoñer a súa supervivencia económica".

Dende a Confraría de Cangas son conscientes de que ambos sectores "están legalmente autorizados para defender os seus intereses e consideran que están en posesión da razón", polo que piden que a Consellería do Mar busque solucións ou revise algunhas das propostas das confrarías, como que se acoten as extraccións de mexilla en determinadas zonas nas que existan plans de percebe.

Comentarios