lunes. 30.11.2020 |
El tiempo
lunes. 30.11.2020
El tiempo

A Biblioteca de Portonovo cumpre 25 anos: "Vin pasar dúas xeracións por aquí"

A bibliotecaria, Merce Vázquez, que leva traballando na Biblioteca dende a súa inauguración. GONZALO GARCÍA
A bibliotecaria, Merce Vázquez, que leva traballando na Biblioteca dende a súa inauguración. GONZALO GARCÍA
Dende que se inaugurou no ano 1995 medrou da man de Merce Vázquez, a bibliotecaria, e converteuse no epicentro da vida cultural

A Biblioteca de Portonovo cumpre 25 anos despois dunha traxectoria ascendente, que modificou por completo, no seu momento, a vida cultural da vila mariñeira. A pesar de que a covid-19 dificultou a celebración dos actos conmemorativos, a bibliotecaria, Merce Vázquez, promete que os retomará en canto a situación sanitaria o permita. "Se non celebramos os 25 celebraremos os 26, pero este ano non quedará sen premio o lector do ano". 

A historia da Biblioteca de Portonovo é, en esencia, a historia profesional da propia bibliotecaria, que leva exactamente os mesmos 25 anos ao seu carón, impulsando todo tipo de actividades e iniciativas, e velando polo seu progreso. "Vin pasar por aquí a dúas xeracións de xente de Portonovo", explica Vázquez. "Cando abrimos as portas viñan moitos nenos pequenos, que cando medraron seguían vindo á Biblioteca e pedían silencio para poder estudar. E agora que eses nenos teñen fillos, volven pedir que se fagan actividades para eles", rememora con cariño. Pois todo o que pasa na Biblioteca, pásalle a ela: "Se alguén estropea un libro ou non o devolve, aféctame a min", asegura. Pois Merce, querida e admirada polos veciños máis asiduos da Biblioteca, coñece cada recuncho, cada estante e cada libro. "Agora temos todo informatizado, pero aínda así, se alguén me pide un libro sei que está en tal estante á dereita", di. Ela, que se encarga de todo o que ten que ver con cartelería, actividades e toda clase de papeleo, mesmo chegou a facer de contactontos para os cativos en máis dunha ocasión. "O traballo da Biblioteca lévase á casa, moitas veces pido axuda á familia cando teño que deseñar algún cartel", confesa.

Pero a Biblioteca de Portonovo non sempre foi como é agora, nin estivo situada no número 5 da rúa Independencia. "Abrimos en febreiro de 1995 no Usos Múltiples de Portonovo. Eu era unha estudante recén chegada, a Biblioteca estábase montando, e non había medios. A realidade das bibliotecas municipais naquela altura era outra", lembra. Tratábase da primeira biblioteca de Portonovo, e entón o traballo de Merce consitía en catalogar. "Houbo que ensinarlle á xente de Portonovo como funcionaba unha biblioteca, e abriamos só polas tardes", explica.

O ano 2002 foi un boom. "Foi cando nos movemos á actual localización. Aquí había máis espazo, e coincidiu coa chegada de internet e dos ordenadores. A partir de aí todo foi cara arriba", conta a bibliotecaria. O servizo ampliouse, e tamén as funcións de Merce, que pasou a encargarse de elaborar estadísticas, memorias e todos os trámites que hoxe en día require a xestión dunha biblioteca. "Agora estamos facendo cousas que hai 20 anos eran impensables".

PANDEMIA. Ademais de levar por diante os actos conmemorativos dos 25 anos da Biblioteca de Portonovo, a covid-19 tamén tirou por terra o día a día do local, que tivo que reinventarse por completo. "Todo o que non puidemos facer de xeito presencial, fixémolo de xeito virtual". E, cando as medidas amainaron, foi a propia Merce a encargada de facer a escolla dos libros para os lectores. "Eles non os podían tocar. Habitualmente veñen, van ás estanterías e escollen o que lles chama a atención. Nese momento tiven que escollerlles eu as lecturas, e agora que a situación mellorou un pouco e poden ir ás estanterías, séguenme pedindo que llos escolla eu", conta. Para ela, que traballa con paixón "do que me gusta e do que estudiei", toda a labor tradúcese por "un orgullo moi grande por poder achegar os libros á xente". 

Un centro de lectura humano
A Biblioteca de Portonovo, a pesar dos cambios que supuxeron as novas tecnoloxías, segue viva e dinamizando o día a día da vila mariñeira. As actividades para cativos, a zona de estudo e o préstamo de libros segue a ser un servizo demandado polos veciños e veciñas de Portonovo de todas as idades. Tanto é así, que o lector do ano da pasada edición resultou ser unha persoa de 80 anos. "Aquí adaptámonos a todos", asegura a bibliotecaria.

A Biblioteca de Portonovo cumpre 25 anos: "Vin pasar dúas xeracións...
Comentarios