sábado. 20.07.2019 |
El tiempo
sábado. 20.07.2019
El tiempo

O BNG pide apoios para "frear" a dereita "antigalega" de Cs e Vox

Ana Pontón en Vilagarcía.SALVADOR SAS
Ana Pontón en Vilagarcía.SALVADOR SAS

A líder nacionalista aproveitou para incidir na capacidade de xerar emprego das rías galegas

 A portavoz do BNG, Ana Pontón, pediu este luns o voto de quen quere que Galicia teña "voz propia" no Congreso e á vez "frear a dereita carca, machista e antigalega de Vox e Cidadáns".

Dúas formacións, dixo durante unha visita a un grupo de mariscadoras en Cambados, ás que "lles disputamos escanos pola Coruña e Pontevedra", de aí a súa apelación a un último empuxón do electorado dado, chegados á recta final de campaña, "estamos a ver que hai partido".

"Podemos ser decisivos tras o 28-A con un proxecto sólido, unido, coa cabeza e co corazón neste país e cun obxectivo: traballar por Galicia dándolle voz tamén á xente do mar", sinalou Ana Pontón, acompañada pola candidata ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva.

Pontón recalcou o "compromiso dun BNG decisivo en Madrid" de defender nas Cortes medidas para mellorar as condicións laborais e salariais das mariscadoras, a rexeneración integral das rías e a transferencia da loita contra a contaminación mariña.

A líder nacionalista incidiu na capacidade de xerar emprego das rías galegas, que "se multiplicaría", dixo, "se estivesen completamente saneadas de norte a sur".

"Coidar as nosas rías significa coidar a biodiversidade e o medio ambiente, pero tamén facer unha aposta pola creación de riqueza e de emprego. Están a perderse moitos postos de traballo porque segue pendente a rexeneración integral das nosas rías", reiterou.

O BNG tamén propón medidas para "poñer en valor os produtos galegos", como limitar e controlar a importación de especies foráneas, e que iso redunde nun incremento do seu valor no mercado, e, por extensión, das rendas das mariscadoras.

O BNG pide apoios para "frear" a dereita "antigalega" de Cs e Vox
Comentarios