Cambados denuncia a pintada dun grupo de música no campo de fútbol de Castrelo

Os artistas accederon ás instalacións e realizaron o graffiti sen autorización, o que causou unha gran indignación no Concello e entre os veciños
Imaxe da pintada no campo de fútbol de Castrelo. TVG
photo_camera Imaxe da pintada no campo de fútbol de Castrelo. TVG

Un grupo de música urbana do Grove provocou unha gran polémica en Cambados por un graffiti realizado no campo de fútbol de Castrelo durante a gravación dun videoclip, que foi despublicado despois de lanzarse o domingo en redes sociais e YouTube.

Os integrantes da formación accederon sen permiso ás instalacións, onde disputan os seus partidos o Beiramar CF, e pintaron un dos muros próximos á cantina sen contar con autorización para facelo.

DENUNCIA. Os feitos foron denunciados polo Concello cambadense ante a Garda Civil, que xa identificou aos seis compoñentes de banda. A pesar de que o goberno local entende que este non é un acto grave, si consideran que as formas non son as adecuadas, polo que decidiron tomar cartas no asunto coa finalidade de evitar que a acción se repita no futuro.

Agora, os artistas enfróntanse a unha infracción administrativa e poderían ter que asumir os custes do repintado do muro.

"ISO NON SE FAI". Pola súa banda, a veciñanza amosu a súa indignación por esta actuación ante as cámaras da TVG. "Nós tiñamos un letreiro aí polo que pagamos e tapárono. Iso non se fai porque non é arte, é vandalismo", denunciou unha muller.

Outras dúas persoas consultadas pola TVG coincidiron en expresar un profundo malestar polo feito de que os integrantes do grupo grovense se meteran "nun lugar público e pintasen onde non deben", ademais de "prexudicar a outros": "¿Por que pintar por riba do que xa estaba pintado".

Comentarios