Martes. 13.11.2018 |
El tiempo
Martes. 13.11.2018
El tiempo

Cambados volve aos setenta coa XVI Concentración de Clásicos

Os participantes na exhibición tamén poderán gozar dunha ruta marítima pola ría. ELISA PÉREZ
Os participantes na exhibición tamén poderán gozar dunha ruta marítima pola ría. ELISA PÉREZ

A vila acollerá o domingo a décimo sexta edición do tradicional evento automobilístico, que este ano reúne 100 coches clásicos

A Asociación Club Clásicos do Salnés celebrará o domingo, 2 de setembro, a XVI Concentración do Albariño de Clásicos, na que participarán preto de 250 persoas con vehículos propios dos anos setenta e oitenta.

Na reunión automobilística coincidirán un cento de coches cun mínimo de 25 anos de antigüidade, que percorrerán Cambados durante toda a mañá.

O multitudinario evento, ao que asiste cada ano xente de toda Galicia e arredores, comezará a partir das 09.30 horas na emblemática Praza de Fefiñáns. Ás 11.30 horas, os automóbiles sairán do lugar para facer unha ruta pola vila cambadesa. Logo de aparcar no restaurante Forniños, os participantes dirixiranse á zona portuaria para embarcar no Gran Catamarán Pelegrin, sobre as 11.45 horas.

Os presentes poderán gozar dunha ruta marítima pola ría e dunha degustación dos viños da adega Paco & Lola, situada en Meaño. O desembarque terá lugar no peirao de Tragove ás 14.30 horas, momento no que irán andando ata Casa Forniños para tomar un aperitivo e comer.

Pola tarde, os coches clásicos sairán cara o Concello de Vilanova, onde visitarán, preto das 18.00 horas, a Conserveira Antonio Pérez Lafuente. A partir das 19.00 horas darase inicio á entrega de premios, coa que se finalizará a histórica concentración.

O presidente da Asociación Club Clásicos do Salnés, Marcos Cortiñas, asegura que esta exhibición de vehículos está tendo máis repercusión cada ano, xa que se reúnen clásicos de diferentes modelos e marcas, como o Mini, o Seat 600, o Rolls-Royce antigo ou algún Ferrari da época.

O concelleiro de Economía e Facenda de Cambados, Xurxo Charlín, destacou na presentación de onte a relevancia turística do evento, posto que atrae a unha cantidade importante de xente cun poder adquisitivo alto, ademais de que supón unha grande oportunidade «para poñer en valor varias zonas da localidade».

Cambados volve aos setenta coa XVI Concentración de Clásicos
Comentarios