Sábado. 20.10.2018 |
El tiempo
Sábado. 20.10.2018
El tiempo

Un carballo para lembrar a Vicente

Vicente Bouzada (dereita), co director da escola, Pedro Solla. CEDIDA
Vicente Bouzada (dereita), co director da escola, Pedro Solla. CEDIDA

O CEIP A Florida prantará unha árbore no seu patio en memoria de Vicente Bouzada Neira, quen fora o seu conserxe durante 20 anos e que faleceu o pasado domingo, vítima dun infarto

UN BO exemplo do agarimo que a comunidade escolar do CEIP A Florida profesaba ao seu conserxe, Vicente Bouzada, está nos máis de 800 quilómetros que o director do centro, Pedro Solla, fixo este martes en coche para darlle o seu último adeus. Solla atopábase en Barcelona cando se enterou do falecemento do traballador, que finou, vítima dun infarto, mentras gozaba o pasado domingo dunha xornada de praia en familia na Carabuxeira.

O director foi un dos numerosos asistentes, na tarde do martes, ao enterro de Vicente. Alí, no Novo Templo, estaban os seus compañeiros de traballo, profesores, pais de alumnos, amigos, familiares e veciños. "Para nós era alguén moi especial", recoñece Solla, emocionado. Por iso, o CEIP A Florida renderá homenaxe ao seu conserxe en canto comece o vindeiro curso lectivo. Tal e como explica Pedro Solla, o acto consistirá na prantación dunha árbore (un carballo, concretamente) no patio exterior da escola. "Queremos que continúe coidando de nós", indica o máximo responsable do centro educativo da parroquia de Padriñán.

Pouco a pouco, a comunidade educativa do CEIP trata de volver á normalidade, aínda que non resultará sinxelo. O repentino falecemento de Vicente Bouzada deixa unha ferida que tardará en cicatrizar. "Era unha persoa moi querida polos rapaces, sempre disposto a axudar a quen fose necesario", lembra o director, que xa desde a súa chegada á Florida, hai tres anos, quedou abraiado coas dotes profesionais e humanas do falecido. "Cando había que facer calquera cousa era o primeiro en presentarse voluntario. Tanto che podía arranxar unha avaría eléctrica como realizar calquera outra mellora", salienta Pedro Solla, que relata que "cando unha persoa morre así, de xeito tan repentino, sempre dicimos que é moi inxusto. No caso de Vicente, moito máis". Porque o operario fora capaz de sobrepoñerse a unha grave enfermidade, da que logrou recuperarse por completo. "Fixo un gran esforzo, pero, tras estar de baixa, volveu con nós ata que se retirou".

COMIDA DE DESPEDIDA. A finais de xuño, o claustro do CEIP A Florida reuniuse nun restaurante para ofrecerlle un banquete de despedida ao seu compañeiro, que, de non terse producido este fatal desenlace, agora estaría gozando dunha xubilación "moi merecida", como sinala o director. Por desgraza, ese retiro tan só durou pouco máis dun mes.

De momento, o director do CEIP A Florida non pode dar moitos máis detalles do acto de homenaxe ao malogrado conserxe. A elección dun carballo para lembrar a súa figura deciduse despois dunha conversa mantida coa familia. "Querían que fora unha especie autóctona. Serán os nenos os que participen na prantación, que terá lugar en setembro", explica.

Curiosamente, dotar a esta zona do patio exterior dun espazo con árbores é un proxecto no que tanto o colexio como o Concello de Sanxenxo xa estaban traballando. En principio, a idea era substituír a antiga pista de baloncesto, xa moi deteriorada, por unha zona verde. Agora, tamén servirá para que o alumnado non esqueza a figura de Vicente Bouzada.

A bondade e humildade do homenaxeado tamén quedou amosada nesa comida de xubilación. O claustro fíxolle entrega dun agasallo conmemorativo, polos seus 20 anos de traballo no centro educativo. A emoción de Vicente á hora de aceptar o presente era evidente. "Unha homenaxe é o mínimo que podemos facer por unha persoa marabillosa, que sempre se portou da mellor forma con todos", conclúe o director do CEIP A Florida.

Paz Lago:
"El sempre decía: "ti déixame facer a min"
Quen tamén lembra con agarimo a Vicente Bouzada é a concelleira de Educación e Cultura, Paz Lago. O falecido xa levaba varios anos traballando no CEIP AFlorida cando a edil do Partido Popular chegou por primeira vez ao Goberno local, en 2003. "Desde o primeiro día contei coa súa axuda á hora de poñer a punto o colexio. Vicente sempre dicía: "ti déixame facer a min", sinala a titular desde departamento.

O agarimo dos nenos
 A proba do gran recordo que deixa Bouzada Neira é, na opinión de Lago Martínez, "o agarimo que lle tiña o alumnado". "Xa era difícil estar afeito a non velo no colexio desde que se xubilou. Agora, será duro asumir que xa non está", finalizou.

 

Un carballo para lembrar a Vicente
Comentarios