VIDA SALNÉS

Carlos Rey: "Estamos na crenza de que o folclore é o baile e a música"

Nacido nunha familia de clase media no centro de Vilagarcía fronte á igrexa parroquial, primeiro foi autodidacta e logo recibiu clases e converteuse en folclorista e etnógrafo
photo_camera VÍDEO: JOSÉ LUIZ OUBIÑA e EDUARDO DE LA PEÑA
A miña historia
Nacín nunha familia de clase media no centro de Vilagarcía fronte á igrexa parroquial. Daquela non había nin carretera. Os primeiros adoquíns diante da miña casa tivémolos que pagar a metade os veciños e a outra metade o concello. A min crioume a miña bisavoa que só falaba galego. Tiña una panadería, meu pai traballaba nun banco que daquela era un emprego para toda a vida. Fun a unha escola privada ata os 10 anos cando entrei no instituto laboral. Era unha mestura entre o instituto de hoxe en día e unha formación  profesional: aprendiamos a traballar con electricidade e a facer soldadura. De aí pasei á universidade e fixen Xeografía e Historia. Non acabei porque tiven dous profesores que eran moi agradables, e quedáronme dúas asignaturas. Nunca quixen rematalo. Os títulos son o que gañas na túa vida sendo boa persoa ou facendo ben o teu traballo. Recordo que cando morreu Franco, comprei a miña primeira gaita (non porque morrera Franco); pero ao ano xusto comprei a miña primeira gaita.

Cando te interesas polo folclore?
Non hai un momento porque a min crioume a miña bisavoa e recordo as cancións que me cantaba. E logo o meu avó, por parte de pai, fixo moitas obras de teatro e a primeira zarzuela en galego. Foi un dos fundadores no 1918 do coro santiagués Cantigas e Agarimos. Na casa cantábase en galego, coa gaita, e xa me veu de nacemento.

E ti tamén formas parte de Cantigas e Agarimos.
Si, estiven como corista e no 87 collín a dirección do grupo de gaitas e tambores durante uns anos. Toda a miña vida de estudante en Santiago paseina en Cantigas e Agarimos. E antes de Cantigas, no ano 79-80, entrei en Brincadeira que é un dos mellores grupos de baile de Galicia. Fun o primeiro gaiteiro de Brincadeira.

Como lle entras á gaita?
Primeiro fun autodidacta e logo deume unhas clases un señor da vella banda de música de Vilagarcía, Segundo Barcala Rey. Coñecín a Manuel Jamardo e xa aprendín con el. Foi para min case un pai, un mestre, un amigo. Nos últimos 17 anos de vida artística dos Encantiños do Umia tuvéronme a min como gaiteiro. E de aí xurdiu o libro que fixen sobre eles. 

Ti es folclorista. Que é iso?
Dicía Julio Caro Baroja, a quen coñecín, que “el folclore es la ciencia de la tradición”. É unha ciencia que abrangue usos e costumes. Estamos na crenza de que o folclore é o baile e a música. Non, folclore comprende tantísimas cousas, como pode ser a mediciña popular, os prantos nos enterros, o dereito consuetudinario, a gastronomía... abrangue un abano incrible de cousas. 

De que se compón o folclore galego?
O folclore absorbe todo o que necesite. Temos influencias, non vou dicir celtas porque está en discusión se estiveron aquí; pero si da cultura precastrexa, dos romanos, dos suevos, dos musulmáns. Nuns lados arraigou un costume e noutros non. Aquí en Vilagarcía mantense moi viva a festa dos maios. En Vilanova tamén. Sen embargo vas ao interior, a uns dez quilómetros e alí non saben de que lles falas. No San Roque de Bamio, a xuventude vai polas casas a roubar cousas, roubo ritual. Aquí en Vilagarcía, sen embargo, non existe o roubo ritual do San Roque.

Que pensas do boom da música tradicional?
O folclore hoxe é unha moda. O folclore morreu, por poñer unha data, entre o ano 36 e o 59. Ou sexa, desde a guerra civil ata que remata o primeiro franquismo coa bandeira de España izada na ONU, e permítese a emigración masiva a América ou a Alemania ou do campo ás cidades. Cando se perden os costumes do país morre o folclore. 

Por exemplo?
En Galicia abandonouse o cultivo do liño no campo. Que vai ligado a iso? Pois as cantigas. Porque había cantigas para poñer o liño, para arrincar o liño, había os fiadeiros para fialo. A todo iso ían asociadas un montón de cantigas. O folclore é funcional. Cantas unha nana porque hai un neno aí. Hoxe pode quedar un canto de espadelada, ou un canto de arrieiro, pero son restos dunha cultura para a que non foron creados. Se hoxe se conserva é como algo museístico e sobre todo como moda.

Que é moda?
Moda é usar remendos para o pantalón cando sobra a roupa. Moda é celebrar o entroido cando non se respeta a corentena. O entroido tiña sentido porque logo víñanche corenta días de restricións.

Entón é normal que morra o folclore?
Si, é necesario porque se non nos quedaríamos no folclore do 17, do 16, seguiríamos igual, estáticos. No folclore a sorte é o cambio porque, se non, o folclore morrería por sobredose.  

E todo a partir de 1959?
O 59 foi cando rachou esa cadea que era o folclore e unha vez que racha non se recupera. Pódense recuperar as formas externas, pero non o sentido profundo. Uns anos antes créase a televisión en España, xa uns anos antes había en todas as casas aparatos de radio. Iso foi a puntilla para o folclore. Porque introduciron en todos os fogares un idioma (non se podía falar galego) alleo a nós, un folclore alleo ao noso, uns costumes que aquí non tiñamos. 

Hai esperanza?
A única esperanza que lle queda ao folclore, non para conservalo senón para conservar a súa memoria, son os folcloristas ou os etnógrafos porque son os notarios do que ocorre. Hai que plasmalo en libros, en documentais; pero non ten sentido revivir iso. Hoxe estamos noutra época. O folclore é o resultado do seu tempo. 

E logo a paixón da xente nova pola música tradicional?
Paréceme moi ben. É unha maneira de manter a nosa cultura, as nosas raíces. Pero desexaría que houbera xente dedicada a crear, non a recrear. Música galega e en galego, que fagan un rap galego por exemplo. 

Curioso escoitar iso dun folclorista.
Son folclorista, son investigador, investigo aquela época ou aquela outra; pero para escoitar eu ao mellor non escoito esas cousas. Nin escoito os discos que fixen eu.

Como é a xente deste Arousa-Salnés?
É unha xente moi aberta. Non che andan con segundas, o que teñan que dicirche dincho á cara. Na fala, por exemplo, os de Vilaxoán falan distinto dos de Vilagarcía e dos do Grove. Por exemplo a terminación en in: "Vasmo disir a min? Que nin matín, nin roubín, nin violín!".

E ti es inglés?
Si. En Vilagarcía chámannos de tres ou catro maneiras: ingleses, cagha na cuncha, pajilleros. O de ingleses nunca me ofendeu. Eu teño familia inglesa porque un que viña na escuadra inglesa casou cunha tía-avoa miña.

Que é a gaita?
Un instrumento de Galicia. Sabemos que a partir do século XII si está. Hai por aí algún investigador que di que ten cinco mil anos en Galicia, pois que me ensinen algún libro ou documento ou un petróglifo onde saia unha gaita. Ata o século XII aquí non aparecen documentos. Supoñemos que polos romanos chegou porque en Roma tiña unha triple función: militar, lúdica e relixiosa.

E a gaita galega chora ou ri?
Depende. Se a tocas mal chora sempre. Eu penso que ri ata cando tocas cousas lentas. Eu teño feito chorar coa gaita (non por tocala mal) pero ás veces tocando en enterros, xente emocionada saíu da igrexa chorando.

Pero é un instrumento galego, nonsi?
Eu penso que máis galego, como dicía Xaquín Lorenzo, é o pandeiro ou a frauta. Porque a gaita a tocaba moi pouca xente, sen embargo a pandeireta ou o pandeiro estaba en todas as casas. A frauta era moito máis popular. Logo chegou o que Manuel Puga y Parga chamaba “instrumento inventado por el propio lucifer” que é o acordeón. 

Como fixeches o libro das Cantigas deshonestas? 
Primeiro botándolle moita cara. Logo, os maiores informantes son as mulleres. O home é mais recatado. Nos fiadeiros reuníanse homes e mulleres e sempre había cancións picantes e as veces xurdían de aí desafíos.

Por exemplo?
“Unha vella e mais un vello/ mexaron nunha cazola/ a vella que tiña ghañas/ tiroulle pola pirola” Ou esta: “Arrastráchesme o cu polas pallas/ e fixéchesme a cama no chan/ e molláchesme a berberechiña/ que a tiña sequiña do verán”. Esta cantábaa Ana Kiro, unha das poucas que pasou a censura na televisión.

Cal é a túa relación cos vellos gaiteiros?
Tiven a sorte de coñecer a varios. Aos irmáns Portela. Coñecín a Juan Mallou o gran gaiteiro de Santiago e toquei con el moitos anos en Cantigas e Agarimos. A Pepe Temprano, que morreu hai uns anos. Aos Campaneiros de Vilagarcía que tiven a honra de facerlles un libro xunto con Héctor Silveiro e Pablo Nogueira. Antonio Corral aí da parte da Guarda. Os Encantiños do Umia, amigos e mestres, e os Airiños das Rías Baixas. Coñecín quizáis aos últimos máis importantes... Pepe o Sepultureiro. Tiven a sorte de caer nunha época na que puiden non só coñecelos senón gravalos e tocar moitas veces con eles. 

Que tiñan en común estes gaiteiros?
Todos naceron nun entorno aldeano e foron autodidactas, salvo nalgun caso como o de Juan Mallou que aprendeu co tío. E logo, mullereiros. E catadores. O Pallamallada, dese dicían que bebía ao día unha arroba de viño (entre 14 e 16 litros). Eu non creo, porque non temos tanta capacidade, pero escoiteillo a varias persoas. 

TEST DE VIDA

Unha palabra?
Morte.
Un lugar?
Piornedo.
Unha persoa?
A madre Guadalupe, unha monxa de aqui de Vilagarcía, das Filipenses que morreu e foi moi amiga miña ata que tiven 20 anos. Ensinoume, relixión non, ensinoume a ser persoa.
Unha personaxe?
Antonio Piñero, ex cura e gran conferenciante, teólogo.
Alguén importante?
Curros Enriquez.
Un obxecto? Unha cousa?
Unha culler.
Unha ferramenta?
Unha navalla.
Un instrumento de música?
O violín.
Alguén imprescindible?
Unha nai.
Que é a vida?
Un lapsus que hai que aproveitar e non esperes nada máis.

Comentarios