Carril presume de produto autóctono no peche da XXVII Festa da Ameixa

O evento celebrou este domingo o nomeamento dos Cabeleiros da Orde da Ameixa
A conselleira de Mar, Rosa Quintana (centro), durante a súa intervención. DP
photo_camera A conselleira de Mar, Rosa Quintana (centro), durante a súa intervención. DP

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou na xornada do domingo a importancia da Festa da Ameixa de Carril para enxalzar un produto "excelente, dun valor inestimable e dunha calidade extraordinaria" e dalo a coñecer en todo o mundo. Así o fixo durante a celebración da XXVII edición desta festividade vilagarciana, na que tamén participaron o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, que foron nomeados cabaleiros da Orde da Ameixa.

A titular de Mar destacou a calidade do molusco producido na ría de Arousa e subliñou que esta cita gastronómica vén acompañada este ano de dúas boas novas, a creación do selo distintivo Ameixa de Carril e o regulamento dos parques de cultivo. No caso da marca de calidade, Rosa Quintana incidiu en que permitirá loitar contra a competencia desleal, garantir a orixe e trazabilidade do produto e asegurar o futuro das máis de 650 familias que traballan de xeito artesanal na súa extracción na ría de Arousa.

En canto ao proceso polo que a Xunta entregou os títulos definitivos da maioría dos 1.169 parques de cultivo de Carril, a conselleira do Mar explicou que permite dar seguridade xurídica aos parquistas e asegurar a viabilidade futura destes parques. "Todo isto, xunto á Festa da Ameixa de Carril, permiten engrandecer os produtos do noso mar, o mar que nos move", indicou Rosa Quintana.

O conselleiro de Cultura e Turismo salientou, pola súa banda, o valor dos produtos galegos e destacou que Galicia é sinónimo de gastronomía. "Hai algo especial na nosa gastronomía porque temos a sorte de contar cunha materia prima excelente e cuns produtos de primeiro nivel entre os que se atopa, sen ningunha dúbida, a ameixa de Carril", subliñou Román Rodríguez durante a súa intervención.

INTERESE TURÍSTICO. A Festa da Ameixa de Carril, que este ano celebra a súa vixésimo sétima edición, está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Na cita deste ano, ademais de distinguir ao conselleiro de Cultura e Turismo e á directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, tamén se fixo entrega da Ameixa de Ouro para Ángeles Vázquez, da Ameixa de Prata a Jesús Paz, do parquista de honra a María Josefa Franco e do parquista xoven a Óscar de Jesús Meijide.

Este evento gastronómico busca resaltar a calidade do principal produto comercializado na lonxa de Carril, onde o ano pasado se poxaron 682 toneladas de ameixa por un valor de preto de 7,5 millóns de euros, a facturación máis alta da última década. Eses bos resultados foron replicados tamén no conxunto das lonxas galegas, nas que en 2018 se comercializaron 5.300 toneladas deste bivalvo que xeraron uns ingresos próximos aos 61 millóns de euros, a cifra máis alta dos últimos dez anos.

Comentarios