A 'casa pantasma' de Progreso, en pé e co expediente de obra caducado

Veciños alertan da persistencia do problema de insalubridade e piden "que se peche a obra cun muro" ►Dende finais de ano levouse a cabo unha limpeza e tapiouse un acceso
Aínda que se acometeu unha limpeza a finais de ano, os veciños denuncian o estado da estrutura. J.C. (ADP)
photo_camera Aínda que se acometeu unha limpeza a finais de ano, os veciños denuncian o estado da estrutura. J.C. (ADP)

Dende que a finais de 2019 o Concello de Sanxenxo dera a orde de limpeza para a estrutura abandonada situada no número 146 da rúa Progreso, que obrigou aos propietarios a desfacerse de escombro, vexetación salvaxe e a tapiar unha das portas, non houbo máis movemento no edificio a medio construir, hoxe ruinoso. Os veciños do lugar, que na primeira metade da década dos 90 xa comezaran a denunciar a situación da estrutura, volven dirixir a mirada á parcela colindante. "Pasaron meses e isto está parado. Non sabemos en que punto están as tramitacións, ou se o Concello está facendo algo, pero a estrutura segue nun estado de abandono tremendo e o noso enfado é monumental", declara José Antonio Garrido, titular do inmoble anexo.

Garrido leva anos acusando problemas na súa propia vivenda, que comparte peche coa estrutura abandonada, cuxo estado afecta a dúas e tres vivendas a cada lado, respectivamente. O propietario tivo problemas con alimañas, ratas na súa maioría, que chegaron a invadir a súa propia vivenda. "É unha vergoña para esta rúa, levamos 25 anos con iso ao lado e segue estando aberta, cunha verxa de obra que linda coa nosa propiedade", explica. Ante a situación, e coa ameaza de que persistan os problemas de insalubridade, o veciño colindante pide que "polo menos pechen a obra cun muro, como se fixo co edificio de Muebles Alonso", unha estructura situada na mesma rúa Progreso, que tivo que ser derribada recentemente polo Concello debido aos seu estado de abandono.

LICENZA. O expediente de obra do edificio situado no número 146, cuxa caducidade chegou ao BOE o pasado mes de febreiro, deixou ao Concello sen moita marxe de manobra, máis que a consideración dun futuro expediente de derribo para o que, segundo explicou a concelleira de Urbanismo, Flavia Besada, habería que xustificar a insalubridade, aínda que polo momento non se contempla como primeira opción.

Ao estar caducada a licenza, a única posibilidade de retomala é comezar un novo proceso que se axuste á normativa urbanística actual, sempre que o propietario do inmoble teña esa intención.

A parcela obtivo a súa primeira licenza municipal en 1993, ano no que se ordenou, posteriormente, a suspensión das obras por non respetar a distancia coas colindantes, sobrepasándose na altura e na ocupación do sótano, e por iniciar unha segunda pranta non contemplada no proxecto.

No ano 2011 concedeuse unha nova licenza para levar a cabo obras de demolición da estrutura existente, e catro anos despois emitiuse un informe no que se sinalaba que para legalizar a estrutura debíanse acometer primeiro as obras de demolición requeridas. Ante a inacción dos propietarios, en 2019 incóase o expediente de caducidade de ambas licenzas.

Deste xeito, a primeira licenza autorizada pola Comisión de Goberno en 1993 xa non se adecúa á legalidade tendo en conta todo o tempo que pasou. A de 2011 só garantía a legalización das obras despois de levar a cabo a demolición requerida, que nunca se chegou a realizar polo que, atendendo á nova legalidade urbanística e ao transcurso de tempo, quedou tamén anulada.

Comentarios