lunes. 25.01.2021 |
El tiempo
lunes. 25.01.2021
El tiempo

O CEIP A Florida acomete unha grande reforma agardada "dende hai 30 anos"

A aula de psicomotricidade renovou o seu chan por completo. CF
A aula de psicomotricidade renovou o seu chan por completo. CF
Os traballos lévanse a cabo, en maior medida, con fondos de Educación, e outros do propio centro

O CEIP Plurilingüe A Florida vén de iniciar unha grande reforma que o centro educativo agardaba, tal e como explica o seu director, Pedro Solla, "dende hai 30 anos". Trátase da mellora estrutural da área da escola pertencente ao segundo edificio, que dende hai décadas viña precisando a renovación do muro situado cara a rúa Emilia Pardo Bazán, e que nos últimos tempos presentaba un estado de deterioro "moi avanzado" e, ao ser de antiga construción, incluso "carecía de cimentación". As obras, que se están a levar a cabo nas últimas semanas e que continuarán durante as vacacións de Entroido para renovar a escaleira do patio, inclúen tamén a mellora de varias beirarrúas do recinto que se atopaban en mal estado, así como a paliación dos problemas de humidades no segundo edificio do centro.

O cambio "radical" que supón a reforma do exterior do segundo edificio permitirá, tal e como explicou o director, "facer patios dinámicos, nos que os nenos e nenas poderán desenvolver diferentes actividades en diferentes espazos, como pintar, e nos que lles ofrecemos varias alternativas para o xogo que non pasen polos tradicionais do fútbol e da corda". Neste sentido, o centro xa instalou unha grande pizarra exterior, para dar renda solta á creatividade da cativada.

A reforma no exterior permitirá "facer patios dinámicos" con actividades en diferentes espazos alternativos

Para esta actuación, de grande envergadura, o CEIP conta con fondos da Consellería de Educación, se ben a entidade aínda non avanzou o importe total investido, xunto ao estudo das actuacións en materia de obras que se está a levar a cabo na provincia. Ademais do investimento dende a Consellería, o centro aportou unha pequena cantidade procedente de fondos propios para engadir a mellora dalgunhas dependencias interiores na área de Infantil. Neste sentido, puidose dotar ás aulas de tarima flotante o que, segundo Solla, supuxo "un cambio radical de temperatura".

OUTRAS ACTUACIÓNS. Dende a súa fundación, hai medio século, e moi especialmente nos últimos anos, o centro educativo viu renovadas varias áreas e acometeu outras reformas da man da Consellería de Educación. Hai só dous anos procedeuse ao arranxo da fachada dianteira do edificio principal, e hai cinco arranxouse a posterior. A nova pista polideportiva tamén se fixo realidade hai tres anos, segundo detalla o director do centro e, hai unha década, procedeuse a cambiar o tellado do centro por un máis moderno. "Vanse facendo cousas paso a paso para mellorar o centro e, aínda que queda moito camiño por percorrer, nós apuntámonos a todo", sinalou Solla.

O CEIP A Florida acomete unha grande reforma agardada "dende hai 30...
Comentarios