O centro de saúde de Baltar non cubrirá vacacións de enfermería e pediatría

▶ A Plataforma en Defensa da Sanidade denunciou que este verán só haberá unha praza máis de enfermería e un facultativo que "terá que atender a todos os desprazados deste concello"
Centro de Saúde e PAC de Baltar. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Centro de Saúde e PAC de Baltar. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

As vacacións do persoal de enfermaría e pedriatría non se cubrirán este verán no Centro de Saúde de Baltar para Atención Primaria e o PAC. Así o denunciou a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo, desde onde explicaron que "de dous equipos que habitualmente se incorporaban ao centro para desprazados", só se incorporará este venres, 1 de xullo, unha praza de enfermaría e, o 7 de xullo, un facultativo. "Este equipo será, en teoría quen teña que atender todos os desprazados deste concello", valoraron.

Segundo a Plataforma, Enfermaría de Coidados de casos de Psiquiatría pasa agora a ser atendida por Enfermaría de Atención Primaria "sen incremento proporcional en persoal. Se a isto engadimos que non se cubrirán as plazas ausentes por vacacións do persoal de enfermaría no Centro de Saúde de Baltar, nin tampouco a de pediatría, a sobrecarga laboral está asegurada", criticaron.

Nesta liña, denunciaron tamén que "ao persoal de enfermaría non lles permiten coller LDs nin festivos, nin no verán, tampouco lles permiten facer intersubstitucións, o que entendemos como unha restricción dos dereitos laborais. A maiores, na sección de Extracción volven a condicións de seguridade de mediados do século pasado, prohibíndolles o uso das campanas de extracción e pasando á extracción con xeringa, co risco de salubridade que iso conleva tanto para o paciente como para o sanitario, ao ser máis fácil que se produza contacto de sangue durante unha analítica".

Dende a Plataforma dirixíronse ao Sergas para manifestar que "entendemos que sexa difícil cubrir plazas, máxime cando se recortan, cada vez máis, tanto os dereitos laborais como os propios materiais de traballo e engaden coberturas sen o correspondente incremento de persoal". Sen embargo, manifestaron, "mentras os máximos responsables da Sanidade da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés e o alcalde de Sanxenxo andan a facer fotiños e sacar medidas que nin remendos son, cara tapar todas as deficiencias que están a crear as súas xestións, o persoal sanitario e os pacientes dos nosos centros de saúde somos os que soportamos as consecuencias", criticaron, en referencia á medida de ofrecer vivendas gratuitas aos médicos que acudan ao municipio a traballar durante o verán.
 

Comentarios