CETS prevé as reservas hoteleiras ao 70% para o mes de agosto en Sanxenxo

Traballará coa Deputación para acadar un modelo "de calidade, sostible e xerador de riqueza"
CETS entregoulle a Carmela Silva unha figura da Madama de Silgar. DP
photo_camera CETS entregoulle a Carmela Silva unha figura da Madama de Silgar.

A tempada de verán peta ás portas do municipio pontevedrés turístico por excelencia. Sanxenxo recibiu este xoves a visita da presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen mantivo unha xuntanza co presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS), co obxectivo de sentar as bases dunha relación sólida a prol dun modelo turístico "de calidade, sostible, intelixente e xerador de riqueza". Coa vista posta no verán, Martínez puido avanzar xa as previsións de reservas hoteleiras para o mes de agosto, que situou no 70%. Neste sentido, Carmela Silva mostrouse optimista, e salientou que "seguramente a porcentaxe será máis alta".

Para a presidenta da Deputación, "cando as cousas van ben a nivel turístico en Sanxenxo, reflíctese en toda a provincia. Vai ser un bo verán, vaise xerar emprego e actividade económica, e vemos a luz despois dun 2020 moi difícil para todo o sector, pero particularmente para o turismo e o comercio de proximidade", valorou.

A responsable da institución provincial eloxiou tamén a "identificación co territorio dos empresarios e empresarias turísticas de Sanxenxo" e destacou que ese é tamén un factor dinamizador. "Queremos coidar o territorio. Que todas as prazas hoteleiras estean completas, cun modelo de calidade", asegurou. Ás súas palabras sumouse o presidente de CETS, quen, afirmou, "estamos de acordo en moitas cousas. É moi importante traballar unidos", e mostrouse tamén convencido de que "este vai ser un bo verán".

Alfonso Martínez e Carmela Silva coincidiron nas "boas" expectativas para un verán chave para a recuperación do sector

Durante a reunión de traballo, tal e como explicou a presidenta da Deputación, ambas entidades fixeron "unha posta en común, coincidimos plenamente e eu saio encantada desta xuntanza. O sector turístico de Sanxenxo traballa desde hai dúas décadas nun modelo para o sector, hai que agradecerllo, e imos traballar xuntos para desenvolver accións conxuntas", afirmou ao remate dun encontro que se prolongou, nun ambiente moi cordial, durante hora e media, e na que a directiva agasallou á presidenta cunha figura da Madama de Silgar, símbolo da vila.

O presidente do Consorcio empresarial, pola súa banda tamén expresou a súa satisfacción co resultado e está convencido de que esta toma de contacto foi "o comezo dunha relación que vai ser moi frutífera para as dúas partes".

Silva considerou "prioritario" establecer unha relación de traballo entre as institucións públicas e privadas e destacou o traballo do sector e o potencial de atraer visitantes ao destino Rías Baixas-Pontevedra Provincia.

Comentarios