A CIG acusa a Avigal e Xunta de "neglixencia" polo gromo da planta de Cambados

Segundo o sindicato, hai "indicios" de que ambos coñecían hai tempo a existencia de positivos

Nave de la empresa donde se detectó el brote. DP - Avigal - Cambados
photo_camera Nave da empresa onde foi detectado o gromo. DP

A FGAMT-CIG de Pontevedra acusou a Avícola de Galicia (Avigal) e a Xunta de Galicia de actuar con "neglixencia" no gromo detectado na planta que a empresa ten en Cambados.

Segundo defende o sindicato, existen "indicios" de que tanto a firma como a administración "coñecían hai tempo a existencia de positivos", a pesar do cal consentiron en continuar coa actividade laboral.

Dende a federación de Alimentación da CIG sosteñen que o contaxio masivo en Avigal é consecuencia da "permisividade" e a "falta de control coa que a Xunta favorece ás grandes empresas". Neste senso, pregúntanse se o Goberno galego "pretende facer en certas compañías o mesmo que fixo nas residencias de maiores, nas que censurou información sobre os contaxios".

CASOS DETECTADOS. Segundo a central, tanto a empresa como a Xunta coñecían hai xa máis de 15 días a existencia de positivos por covid en Avigal, mais a actividade continuou. "¿Por que os ocultaron e non se tomaron as medidas pertinentes? ¿Por que pretenden agora culpar os traballadores do acontecido asegurando que os contaxios producíronse porque os afectados quitaron as máscaras na zona de descanso para comer?". Nesta liña, na CIG pregúntanse tamén se o acontecido terá que ver co pouco espazo que os empregados/as teñen para comer e descansar.

Ao mesmo tempo, din non entender "como é posíbel" que uns poucos casos iniciais derivasen nun gromo desta dimensión. "¿Onde están os famosos rastrexadores da Xunta? ¿Por que a empresa non é intervida tendo en conta o novel de contaxio? ¿Que medidas de seguridade e desinfección se están a aplicar?", son outras das cuestións sobre as que a central solicita aclaracións ante a falta de información da empresa e da Xunta.

XORNADAS ILEGAIS. Por outra banda, dende a central lembran que Avigal é unha empresa coñecida por incumprir a legalidade laboral, motivo polo que xa foi denunciada con anterioridade pola CIG diante da Inspección de Traballo. En concreto, por obrigar a traballar aos persoal eventual seis días á semana "coa promesa de que no futuro terían días libres".

Nesta compañía a explotación laboral, sobre todo de xente moza, está á orde do día, con xornadas de luns a sábado de como mínimo oito horas diarias, "aínda que en moitas seccións, como no caso de etiquetado, o tempo de traballo prolóngase entre dúas e tres horas máis".

Comentarios