O CIM de Sanxenxo mantén a 50 mulleres en atención continuada

O equipo constatou un "importante aumento" dos casos de violencia de xénero despois do confinamento ▶ O centro pon o foco nas situacións de violencia non tipificadas como tal
O CIM de Sanxenxo está ubicado no número 4 da rúa Rafael Picó (Portonovo). ALBA SOTELO
photo_camera O CIM de Sanxenxo está ubicado no número 4 da rúa Rafael Picó (Portonovo). ALBA SOTELO

O Centro de Información á Muller (CIM) de Sanxenxo atende actualmente de xeito continuado a unhas 50 mulleres vítimas de violencia de xénero que requiren atención psicolóxica, despois de que, tras o confinamento, o equipo formado pola directora e psicóloga Diana Názara e a asesora xurídica Beatriz Carrera, vira aumentar os casos no municipio.

A maiores dos casos en atención continuada, que requiren un seguimento a longo prazo e a posta en funcionamento de todas as ferramentas do CIM, o centro atende, a maiores, varios casos diarios de xeito puntual e diferentes consultas.

Sen embargo, á hora de visualizar a magnitude da problemática, a directora do centro pon o foco nas situacións de violencia non tipificadas, pero que si se teñen en conta no CIM. "Actualmente os rexistros de violencia de xénero que proporciona a Xunta deben estar acreditados ou cunha denuncia, ou cunha orde de protección. Sen embargo, para nós, violencia de xénero non só son eses casos. Eu traballo con mulleres que sofren violencia de xénero pero que non o denuncian, que se separan e quedan feridas, e que requiren atención psicolóxica", explica Názara.

A maiores, cabe destacar que, no caso concreto do municipio moitos destes casos aínda non están en mans do CIM. "Temos moitos casos xa, pero seguramente non nos chegan todos", destaca a directora.

Nos casos de violencia de xénero no fogar, o CIM de Sanxenxo desempeña tamén unha importante labor acompañando a nenos e nenas. "Atendémolos se así o vemos necesario, se ben en gran parte das familias coas que eu traballo non chega a selo", explica a directora. Neste sentido, destaca que, unha vez que se produce o afastamento co agresor e as nais comezan a recuperarse, a situación estabilízase.

"Os máis pequenos adoitan recuperarse antes", asegura. A pesar disto, sinala, "algún queda atascado, sobre todo cando ten que seguir vendo ao pai, sendo un home maltratador. Neste caso, hai ferramentas para poder traballar con eles", conta. "Os nenos ás veces síntense culpables de moitas discusións e moitos conflitos na casa, e teñen que saber que eles non teñen a culpa nin a responsabilidade de nada, e é importante que saiban tamén que existen os CIM, onde prestamos axuda para saír diso", engade.