Cociña e literatura entre fogóns

A sanxenxina Rocío Garrido, natural de Vilalonga, acaba de publicar o seu terceiro libro en clave gastronómica, no que se inclúen 25 propostas doces e outras tantas salgadas

A autora ddo libro posando cun exemplar da súa última obra e varios utensilios de cociña. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera A autora ddo libro posando cun exemplar da súa última obra e varios utensilios de cociña. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Cando Rocío Garrido inaugurou en 2010 o seu blog, bautizado como La Cocina de mi Abuelo, seguramente non podería imaxinar que se acabaría convertendo en toda unha referencia en clave literaria e culinaria a nivel autonómico. O éxito do seu espazo virtual tivo continuidade nas librarías e nos fogóns. Despois de seis anos impartindo obradoiros de cociña e dous libros publicados, chega Receitas pequerrechas (editorial Galaxia), unha obra de 116 páxinas que inclúe 50 propostas (25 salgadas e outras tantas doces) pensadas para seren elaboradas polos máis cativos.

O feito de que trata sobre cociña para rapaces de diferentes idades non é a única particularidade do libro. A fin de contas, non é habitual que este tipo de publicacións estean escritas en galego. A propia sanxenxina (Rocío é natural de Vilalonga) así o recoñece. "Desde que empecei a impartir obradoiros aposto por facelo en galego, porque é a lingua que falo habitualmente e porque os contos que emprego están en galego".

A idea de dirixirse a un público infantil foi algo que xurdiu de xeito natural. "As clases que preparo sempre están vencelladas a algún conto. Nestas sesións, primeiro lemos e despois cociñamos. En vista do ben que o pasaban os cativos, penso que este libro é unha forma axeitada de plasmar todo o que falamos neses obradoiros. Ademais, así os nenos teñen a oportunidade de dispoñer de varias receitas", explica Rocío Garrido, que ten moi claro que os fogóns poden ser unha alternativa de ocio máis que válida para a xente nova. "Desde logo, nos obradoiros que levamos feitos durante os últimos anos, os rapaces pásano moi ben", explica.

"A principal diferenza á hora de dirixirte a rapaces en vez de a adultos é que hai que contarlles historias que capten a súa atención"

AUDIENCIA DIFERENTE. A diferenza de Mel nas filloas (2016) ou Cociñando coas razas autóctonas galegas (2012), Receitas pequerrechas non ten un público obxectivo adulto. "A principal diferenza á hora de dirixirte a rapaces é que tes que saber contarlles unha historia de xeito que poidas captar a súa atención".

Conseguir o "gancho" necesario para lograr o interese dos nenos non é algo novo para a cociñeira sanxenxina. "Nun obradoiro no que tiñamos que preparar "minihamburguesas", díxenlle aos nenos que ían comer brócoli, algo que non lles entusiasmaba moito. Nembargantes, como este ía polo medio da carne, despois de cociñar ningún se acordou e coméronas sen problema".

Precisamente, un dos obxectivos que se marca Garrido é conseguir que os nenos pasen un tempo divertido, pero que, ao mesmo tempo, adquiran hábitos alimenticios saudables. "É moi importante que aprendan a comer de todo", salienta.

Como non podía ser doutro xeito, o feito de escribir receitas para os máis cativos provoca que afloren os recordos na mente da escritoria. "A min sempre me encantou a tortilla de patacas ou os ovos fritos coa bola de pan que se facía no forno da casa, o churrasco... En canto aos doces, gozaba moito coas filloas, os biscoitos e a rosca. Á hora de cociñar, sempre me gustou amasar e andar a "fedellar" coa fariña. Isto é algo que tamén lles encanta aos nenos nos obradoiros que facemos hoxe en día", sinala, divertida, a veciña de Sanxenxo.

Comentarios