martes. 26.05.2020 |
El tiempo
martes. 26.05.2020
El tiempo

Os colexios do Salnés poñen as súas impresoras 3D ao servizo da veciñanza

Impresora 3D fabricando unha das máscaras. CEDIDA
Impresora 3D fabricando unha das máscaras. CEDIDA
Os centros de estudos colaboran co comercio local para elaboral máscaras de protección

CANDO o Colexio Abrente de Sanxenxo tivo que pechar as portas, unha idea comezou a circular entre os seus muros. "Para que serven todas esas impresoras 3D aí paradas?", preguntouse o mestre de Historia, e tamén informático da tenda App de Sanxenxo, Roberto Besada. Foi entón cando se decidiu a darlle unha nova vida a esa tecnoloxía de última xeración abandonada polos cativos por forza maior. "Contactamos co resto dos coles dos arredores que tamén teñen impresoras e trouxémolas todas para a tenda App", conta. E o CEIP Plurilingüe A Florida, o CEIP Portonovo, o CEIP As Covas de Meaño e o CEIP Comeniño de O Grove aceptaron o reto de bo gusto. Alí, no almacén, estableceron unha base de operacións adicada a confeccionar máscaras protectoras, das que xa levan doadas 100 unidades a persoal sanitario e traballadores do hospital Montecelo, así como a transportistas do lugar, empregados do fogar e veciños.

As impresoras só paran de traballar pola noite. Ao ritmo dunha hora por máscara, son capaces de producir "arredor de 30 unidades en oito hora", segundo explica o director do CEIP Plurilingüe A Florida, Pedro Solla. Ao principio testáronse varios modelos, a partir de planos descargados de internet. "A primeira versión levaba cinta de dobre cara, e logo fomos perfeccionando o modelo, a partir do que os sanitarios nos ían contando", di Roberto. Deste xeito, as impresoras elaboran a viseira e a pantalla, que consiste nun acetato transparente, colócase de xeito manual. "Facémolas tamaño A4 ou cortando un A3, dependendo da necesidade da persoa", engade, orgulloso dunha infraestrutura que non sería posible sen a doazón do comercio local.

Os voluntarios xa entregaron 100 unidades a traballadores do Hospital Montecelo, transportistas e empregados do fogar

"El filamento lo pagamos nosotros, y el acetato se lo quisimos encargar a Copistería Técnica de Sanxenxo, pero cuando supieron para lo que era, inmediatamente nos dijeron que nos donaban el material. Las gomas para sujetar las máscaras también son una donación de Tejidos Loli", explica Manuel, xefe de tenda de App Informática de Sanxenxo, e colaborador na iniciativa. "Me gustaría que este trabajo voluntario le sea de utilidad a todas esas personas que siguen en sus puestos de trabajo, y que después de esta crisis aprendamos a valorar profesiones como las de los servicios de transporte", dice. Polo momento, xa teñen outras 60 unidades dispostas a salir desta fábrica improvisada, e que entregarán directamente a todo aquel veciño ou traballador que o precise.

APRENDIZAXE. A pesar de que as clases están paradas, esta experiencia non deixa de enriquecer ás escolas que están a participar na iniciativa. "É un xeito de ensinarlles aos cativos que aquilo que están a aprender pode ter unha utilidade real e moi necesaria", asegura Roberto, quen non pode evitar reparar no papel trascendental que está a ter a tecnoloxía nestes momentos. "Nós estamos utilizando o blog do cole para subir as tarefas e atopámonos con que moitos nenos non as poden imprimir na casa, ou nin sequera teñen acceso a internet para poder facelas online", engade Pedro, quen aposta por un internet útil tamén para os nenos e nenas. "Moitos pais contratan canles de fútbol, pero os nenos non dispoñen dunha boa rede para poder formarse", di. Na volta ás clases terán moito do que falar.

Os colexios do Salnés poñen as súas impresoras 3D ao servizo da...
Comentarios