Os comerciantes deben repensar o seu negocio en clave dixital

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións subliña que o programa Reactiva destina 16 millóns de euros en axudas
2020080613114553165
photo_camera Conde xunto a Carmen García Peña e José Luis Vilanova durante a visita á empresa Vilanova Peña. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, apuntou onte que o reto do sector do comercio pasa por achegar un valor engadido ao consumidor a través da dixitalización e as medidas de seguridade para trasladar unha mensaxe de confianza e ofrecer un servizo máis accesible: "O consumidor cada vez é máis dixital, utiliza diferentes canles e o comercio de proximidade ten unha oportunidade para estar aí e ten que repensar o seu negocio en clave dixital para xerar valor".

Durante a súa visita á empresa Vilanova Peña, "exemplo de vertebración económica e social de toda unha comarca", puxo de manifesto que esa é unha das principais prioridades da Xunta a través do programa Reactiva, que recolle axudas por 16 millóns de euros para que os establecementos comerciais, turísticos ou empresas de transporte poidan instalar as correspondentes medidas de protección. Xa contan con preto de 2000 solicitudes e aínda se poden pedir ata o 17 de agosto.

O conselleiro incidiu en que o lema da reactivación económica no sector do comercio ten que ser o de Comercio Seguro e, con ese mesmo nome, lembrou que a Xunta ten activa unha plataforma de autoavaliación gratuíta (www.comerciosegurogalicia.gal) para os establecementos que precisen asesorarse en materia de hixiene sanitaria. Ata a data, máis de 3500 locais galegos superaron a avaliación e agora poden optar ao seu distintivo como tenda adherida ao programa Comercio Seguro.

Na mesma liña, o Cheque Dixital, o programa Galicia Exporta Dixital e o de dixitalización de pemes son outras axudas que están, tamén, á disposición dos comerciantes e autónomos porque, reiterou, do binomio dixitalización e seguridade depende o futuro do comercio e de moitos outros sectores como o turístico.

Comentarios