O Concello cancela todas as actividades programadas para esta fin de semana

As condicións meteorolóxicas paralizan a inauguración da carpa da Praza dos Barcos e a Papanoelada Solidaria prevista para hoxe
Praza dos Barcos
photo_camera Praza dos Barcos

O Nadal vai ter que agardar en Sanxenxo. Despois de varias xornadas de borrascas, fortes ventos e inundacións nalgúns puntos do municipio, o Concello decidiu cancelar as actividades previstas para hoxe e mañá, entre as que se atopan a inauguración da carpa de Nadal da Praza dos Barcos e a Papanoelada Solidaria.

O servizo de Emerxencias de Sanxenxo emitiu este venres un aviso segundo o cal, a partir dos datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía sobre fenómenos adversos na zona das Rías Baixas, actívase o nivel máximo vermello por fenómenos adversos costeiros e oleaxe, e o nivel laranxa por vento para toda a xornada de hoxe. Mañá volve repetirse a alerta vermella por fenómenos adversos costeiros e oleaxe, se ben o aviso por vento descenderá ao nivel amarelo.

En base a estas previsións e o seu posible empeoramento, o Concello difundiu un comunicado segundo o cal queda suspendida calquera actividade social, cultural e deportiva, tanto ao aire libre como baixo cuberta, entre hoxe e mañá. Isto afecta a todas as actividades de Nadal programadas polo Concello e por outras entidades que se ían desenvolver nestas condicións. Pola sua parte, o Concello non puido fixar aínda unha data para o restablecemento da programación prevista, que non se poderá retomar ata novo aviso.

SEN DATA. A cancelación de toda actividade durante a xornada de hoxe e de mañá afecta de cheo á inauguración da carpa de Nadal instalada polo Concello na Praza dos Barcos, onde estaba previsto que hoxe se desenvolveran varias actuacións, entre as que se atopaba o Trasno Fantástico e a gala Circo de Nadal, entre outras. Queda tamén suspendida ata novo aviso a Papanoelada Solidaria en Bici, a cargo do Club Ciclista Corbelo, con recollida de alimentos e posterior chocolatada na carpa.

As inclemencias meteorolóxicas tamén deixaron sen data definida a inauguración da decoración de Nadal na rúa dos Viños, en Portonovo, que conta cun extenso cartel durante todas as festas, no que se inclúe a visita de Papá Noel e unha chocolatada no Campo, e varios días de Cantos de Taberna, entre outros. O Concello non avanzou tampouco como se distribuirá a programación de Nadal na rúa dos Viños no sucesivo.

Para esta fin de semana a Papanoelada en bici non era a única actividade solidaria prevista. O mal tempo obrigou a cancelar tamén, entre outras iniciativas, a primeira edición da carreira Gondar Run de 5 km, organizada pola comisión de festas de Gondar, cuxo requisito para realizar a inscripción era doar alimentos destinados ao Banco de Alimentos o mesmo día da proba.

Comentarios