O Concello de Sanxenxo desmárcase da nova recollida de firmas de Hablamos Español

O Goberno local anima aos veciños a non participar na polémica iniciativa, a fin de evitar incidentes como os do 28 de xullo

A Garda Civil tivo que intervir durante a primeira recollida de firmas realizada polo colectivo Hablamos Español. DAVID FREIRE
photo_camera A Garda Civil tivo que intervir durante a primeira recollida de firmas realizada polo colectivo Hablamos Español. DAVID FREIRE

A polémica sobre a toponimia de Sanxenxo volve estar servida. A asociación Hablamos Español anunciou onte, a través das redes sociais, a súa intención de realizar unha nova recollida de firmas para reclamar liberdade de elección da lingua. Este colectivo defende, por exemplo, a nomenclatura de ‘Sangenjo’ á hora de referirse á vila turística do Salnés.

A iniciativa, prevista para o vindeiro domingo, 26 de agosto, ás 19.00 horas, na Praza de Pascual Veiga, será a segunda que esta agrupación desenvolverá en Sanxenxo, despois do polémico episodio que tivo lugar o pasado 28 de xullo. Daquela, un grupo de defensores do galego respostou con música á campaña de Hablamos Español, chegándose a vivir varios momentos de tensión, que provocaron a presenza da Garda Civil e da Policía Local. Os impulsores da recollida de firmas chegaron a presentar varias denuncias contra algúns destes manifestantes.

O Concello de Sanxenxo desmarcouse onte desta iniciativa. O Goberno local recoñece que deu o visto bo á cita de finais de xullo "porque es un derecho que asiste a cualquier asociación que cumpla con todos los requisitos legales". Sen embargo, agora a Administración local non ve con bos ollos esta campaña e asegura que mesmo chegou a desaconsellar a súa autorización, pero a súa oposición non impediu que a Subdelegación do Goberno en Pontevedra concedese o permiso a Hablamos Español para desenvolver esta actividade.

ESCAPARATE. O bipartito cre que "es evidente que esta asociación quiere utilizar a Sanxenxo como escaparate, al ser el principal destino turístico de Galicia en estas fechas, para que sus actos adquieran la repercusión mediática que, de otra forma, no tendrían".

O Goberno municipal ve "segundas intenciones, menos plausibles y democráticas que las que se argumentan en la solicitud del permiso". Neste sentido, o equipo dirixido por Telmo Martín ten moi claro que, en realidade, a agrupación, impulsada pola presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago, non busca recoller firmas, senón que máis ben aspira a "crear polémica para lograr mucha repercursión mediática para su colectivo y su máxima mandataria". Neste sentido, o Concello considera que, se a meta fose obter rúbricas, "utilizarían otros medios tecnológicos, bastante más eficaces y que son los que usan habitualmente las asociaciones que impulsan iniciativas similares".

Maila deixar a súa postura patente, o Goberno local tamén aclara que respecta a autorización tramitada pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra, tal e como é a súa obriga. En todo caso, os concelleiros do bipartito animan aos veciños a que "eviten participar en cualquier confrontación que contribuya a manchar el buen nombre de Sanxenxo". O bipartito fai extensible esta petición aos integrantes da Corporación municipal, en referencia á presenza dalgúns membros do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na confrontación que tivo lugar a finais do pasado mes de xuño.

Neste sentido, o Goberno municipal advirte de que "los polos opuestos suelen coincidir en el interés de alterar y perjudicar la buena convivencia entre los ciudadanos, que suelen actuar con más sentido común y que no comparten los planteamientos radicales ni de unos ni de otros", conclúen os dirixentes locais.

Comentarios