O Concello reformará Méndez Núñez, epicentro do ocio nocturno en Portonovo

O proxecto prevé eliminar o tráfico rodado da rúa no tramo coincidente coa praza, para conectar directamente a nova zona de esparexemento coas edificacións existentes
A actual praza de Méndez Núñez e unha infografía do proxecto. DP
photo_camera A actual praza de Méndez Núñez e unha infografía do proxecto. DP

O Concello de Sanxenxo anunciou este luns unha actuación na praza de Méndez Núñez, en Portonovo, que suporá unha "profunda mejora" na que se priorizará o uso peonil e se mellorará a accesibilidade nunha zona que destaca por ser o epicentro do ocio nocturno da vila, e na que se concentran gran cantidade de locais de hostelería. O Goberno local xa dispón do proxecto de humanización, para o que se prevé un custe de 112.894 euros, financiados ao 70% pola Xunta de Galicia a través do Plan Hurbe e o 30% mediante fondos municipais.

Segundo o plan do Executivo local, a propia praza de Méndez Núñez, dunha extensión de case 500 metros cadrados de superficie, e que actualmente existe baixo a confluencia de tres viais, protagonizará un gran cambio a nivel de usabilidade e de aproveitamento do espazo. Neste sentido, a praza estará composta por catro plataformas totalmente horizontais, que conectarán directamente a rúa da Marina coas vivendas e locais de restauración ubicados na zona. Estas plataformas crearanse mediante muros de contención de formigón e acabados de adoquín de granito de cor gris.

Tal e como sinalaron dende o Concello, o obxectivo da actuación na praza é obter un espazo "agradable para la estancia y disfrute", polo que o proxecto inclúe a instalación de bancos que se construirán a partir do mesmo muro de contención de formigón, e tamén se contemplan pequenos parterres con diferentes especies arbóreas, o que xa de por si significará dotar á zona dun entorno completamente diferente ao actual, no que domina a presenza do asfalto. Grazas á presenza das diferentes árbores xeraranse sombras ideais para o esparexemento, e a instalación de barandas de aceiro inoxidable onde se requiran elementos de protección aportarán un toque de modernidade ao conxunto. Un único mástil encargarase de iluminar a totalidade da praza e o seu entorno inmediato a través de catro luminarias, orientadas dun xeito específico para o seu mellor aproveitamento.

O tráfico rodado manterase na rúa da Marina como prolongación da travesía de Santa Catalina

PEONALIZACIÓN. A rúa Méndez Núñez, na que están situados os locais de referencia do ocio nocturno da vila, quedará exenta de tráfico rodado só no tramo no que coincide coa praza. Deste xeito, conectará de forma directa o novo espazo horizontal coas edificacións existentes e a mobilidade peonil realizarase a través da nova escalinata que atravesará a praza.

O tráfico rodado manterase na rúa da Marina como prolongación da travesía de Santa Catalina, tal e como detallaron dende o Goberno local. A actuación, segundo informaron, ten como obxectivo xerar dous fluxos de tráfico, diferenciado entre o rodado e o peonil, que se distinguirán por dúas cores de adoquín. Neste sentido, o adoquinado de cor gris marcará o camiño a seguir para os peóns, mentres que o de cor rosa salmón será o indicado para o tránsito de vehículos.

O proxecto ponse en marcha cunha clara vocación de reinventar o espazo que, sobre todo na tempada estival, acolle grande afluencia de visitantes, especialmente pola presenza dun núcleo do ocio nocturno no municipio, pero que tamén é frecuentado pola veciñanza do lugar, con presenza de edificios de vivendas e de locais de hostelería. O lavado de cara de Méndez Núñez que, segundo estimaron dende o Goberno local, terá un prazo de execución de cinco meses dende a súa adxudicación, suporá un antes e un despois no que respecta á usabilidade da zona que se atopa, ademais, nas inmediacións do porto da vila.

Comentarios