O Concello de Vilagarcía censura o comportamento de Funzo & Baby Loud

Ao remate do concerto do domingo animaron o público a achegarse ao escenario para bailar un último tema ► A organización cortou o son
Funzo & Baby Loud. DP
photo_camera Funzo & Baby Loud. DP

A absoluta normalidade e o estrito respecto ao protocolo anticovid co que se desenvolveu todo o concerto protagonizado por Funzo & Baby Loud o domingo na Xunqueira rompeuse unha vez rematada a actuación debido á falta de civismo dos artistas que, cando o público xa estaba abandonando o recinto, regresaron ao escenario e animaron aos que quedaban, adolescentes na súa maioría, a levantarse e achegarse ao escenario para bailar un último tema.

Pese quedar nunha simple anécdota saldada en apenas dous minutos por parte da organización, o Concello de Vilagarcía censura de forma contundente este comportamento irresponsable dos artistas e estudará as posibles medidas a adoptar

Malia isto, o goberno local agradeceu a rápida resposta da organización e do equipo de seguridade que en tan só dous minutos puxo fin á situación cortando o son, retirando os artistas do escenario e dispersando as 50 persoas que se levantaran e apiñaran a pé do escenario para bailar e corealos. 

O goberno local lamentou que unha saída de ton tan irreflexiva e fóra de lugar dos artistas, na situación na que nos atopamos, faga que un concerto que se desenvolvera con total normalidade e nun clima respectuoso cos protocolos anticovid remate de forma desafortunada e se lembre precisamente por iso. Ademais, recrimina a posterior actitude dos artistas xactándose nas redes sociais do feito e seguindo provocando e incitando aos mozos a saltarse as normas sanitarias. 

Pese ao suceso, "que non deixa de ser un caso puntual e anecdótico que fraco favor fai ao mundo da cultura e dos espectáculos", o Concello insiste en que "a cultura é segura" e en que "non se pode xulgar e poñer en risco a todo un sector polo comportamento irresponsable, insolidario e temerario dunha mínima parte".

Comentarios