O Concello vilagarcián licita a obra de mellora da Praza da Independencia

A reforma suporá a peonalización da rúa e a súa mellora estética, cun presuposto de 421.569 euros. As empresas teñen ata o 18 de setembro para presentar as ofertas

O Concello de Vilagarcía vén de sacar a concurso a obra de peonalización e mellora estética da céntrica Praza da Independencia, co obxectivo de reducir o tráfico e modernizar a imaxe deste lugar.

A actuación inclúe a eliminación de barreiras arquitectónicas, a renovación dos servizos básicos de auga e saneamento e a actualización do aspecto da zona verde. En concreto, instalaranse varios bancos e plantaranse máis árbores arredor da praza, pero o maior cambio vaise efectuar na fonte central, xa que se eliminará o seu vaso circular, para facilitar a accesibilidade ás billas de auga e resaltar a beleza escultórica do manancial. Tamén se colocarán algúns surtidores a nivel do chan que rodearán a antiga fonte.

No simbólico espazo peonalizarase o tramo da rúa San Roque, que comprende entre a esquina do Colexio San Francisco e o vértice oposto da Praza da Independencia, ademais da parte perpendicular que une San Roque coa rúa Padre Feijóo. Os enlousados destas vías faranse en formigón, xa que se opta por materiais principalmente resistentes. Debaixo das zonas que transcorren en paralelo ás liñas de vivendas poranse as canalizacións de servizos, e o corredor que queda entre estas franxas e o contorno dos xardíns permitirá o cómodo fluír dos peóns e ciclistas.

O proxecto foi encargado polo Concello ao arquitecto Leopoldo Iborra, quen coordinou o seu deseño co urbanista encargado da humanización da Praza de Galicia, seguindo a idea do Consistorio de que estes proxectos deben ir en sintonía debido á súa proximidade. A iniciativa encádrase no modelo de cidade que defende o Goberno local, que aposta pola peonalización para acadar un centro urbano libre de vehículos.

Os traballos licítanse por importe de 421.568 euros e as empresas teñen ata o 18 de setembro para presentar as súas ofertas.

Comentarios