A Confraría pide máis espazo de varada no futuro porto de Portonovo e eliminar a rambla

O patrón maior, Juan José Besada, valora o resultado do concurso de ideas que "acabará virando nun proxecto bo para o porto e o pobo" ▶ Pide ter en conta elementos das propostas restantes
Infografía da idea gañadora do concurso. DP
photo_camera Infografía da idea gañadora do concurso. DP

O patrón maior da Confraría de Pescadores San Roque de Portonovo, Juan José Besada, valorou este xoves de xeito positivo o resultado do concurso de ideas para remodelar o porto, se ben pediu ter en conta no futuro proxecto un aumento do espazo adicado ao varadoiro que, na actualidade, atópase ao 100% da súa capacidade, cuns 22 barcos varados no que respecta ao sector pesqueiro. En canto ao Club Náutico, conta con arredor de outras 20 embarcacións na súa zona.

Neste sentido, a idea gañadora do concurso, Novo porto de Portonovo, do estudo santiagués Redondo Valladares y Rodríguez SLP, destacou entre o xurado e entre os representantes dos sectores marítimos, que foron consultados de xeito previo ao fallo, emitido o pasado mércores en Sanxenxo, como "a máis equilibrada e realizable", se ben dende a Confraría apostan por "unha mestura entre todas as ideas", tal e como sinalou tamén o alcalde, Telmo Martín, durante a presentación da gañadora.

No que respecta ao varadoiro, a idea de Redondo Valladares y Rodríguez SLP reduce considerablemente o espazo dispoñible que, actualmente, segundo as estimacións do patrón maior, atópase entre os 10.000 e os 12.000 metros cadrados, e que se acota "a menos da metade" segundo o prantexamento da idea gañadora.

"Se esta zona quedase recortada, o que se estaría recortando sería o espazo de traballo. Actualmente, os barcos grandes colocámolos cara ao lado do mar, para que os traballos non lle afecten aos viandantes, no que respecta aos produtos que empregamos, mentres que os barcos máis pequenos varámolos no lado contrario", explicou Besada. No entanto, o patrón maior conta coa posibilidade de que, de cara ao proxecto, "poderase rectificar".

"Nós avogamos por retirar a zona da rambla de varada, que neste momento non se usa, e deixar unha para varadas de emerxencia, co que gañariamos espazo", opinou Besada. No que respecta ao parking subterráneo prantexado, o patrón maior valorouno como unha "gran idea", se ben discrepou da súa viabilidade no que atinxe ao terreo da zona. "Os edificios de Rafael Picó non teñen garaxes porque hai pedra baixo a superficie", asegurou.

O patrón maior destacou a singularidade das propostas achegadas mediante o concurso de ideas, e animou a "rescatar algunhas delas", como é o caso dun "faro acristalado cun ascensor por dentro instalado nunha das prazas do peirao, que tería as mellores vistas de Sanxenxo". Neste sentido, asegurou, "a idea elexida acabará virando nun proxecto que será bo para o porto e para o pobo".

Cantina ► "A apertura do bar da lonxa é moi importante"
O sector pesqueiro de Portonovo acolleu como unha "boa nova" a volta á actividade do bar da lonxa, que este xoves abriu as súas portas da man dunha nova xerencia. "A apertura do bar é moi importante. A xente que sae pola noite ou que chega de madrugada víase na tesitura de non ter onde ir, nin algo quente para comer", asegurou o patrón maior. "Os novos xerentes fan descontos aos mariñeiros e usuarios da lonxa que non tiñamos antes".

Comentarios