O Consello da Xunta autoriza as expropiacións para a senda Vilanova-Vilagarcía

A intervención suporá un investimento autonómico de máis de 1,1 millón de euros no que se inclúe o pagamento dos 21 predios
Reunión do Consello da Xunta. XUNTA
photo_camera Reunión do Consello da Xunta. XUNTA

O Consello da Xunta vén de autorizar as expropiacións necesarias para a execución da senda peonil entre Vilanova e Vilagarcía de Arousa, que suporá un investimento autonómico de máis de 1,1 millóns de euros, e no que se iclúe o pagamento dos 21 predios necesarios para a súa execución.

Ademais, construiranse ou renovaranse 3,27 quilómetros de beirarrúas, que unirán e completarán treitos xa existentes na estrada autonómica. Neste sentido, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade procederá ao levantamento de actas previas e á licitación das obras no segundo semestre deste ano, que suporán a relocalización e mellora da protección de pasos de peóns, así como a reordenación e dotación de aparcadoiros. Unha vez executada esta actuación, disporase dun itinerario continuo para desprazarase a pé entre Cambados, Vilanova e Vilagarcía, e tamén coa Illa de Arousa, cun beneficio directo a unha poboación de 70.000 persoas.

Esta intervención busca regular e establecer o uso de diferentes espazos, reforzando a seguridade viaria e facilitando unha interacción harmónica e respectuosa entre peóns e vehículos, nun treito da PO-549 cunha urbanización irregular, onde hai tramos con beirarrúas e outros sen elas, e mesmo treitos nos cales as beiravías son empregadas de xeito frecuente como aparcadoiros.

Os traballos constan dun prazo de execución de nove meses para un proxecto que recolle, como principais actuacións, a construción dunha senda peonil á marxe da estrada, dotación de prazas de estacionamento, estreitamento dos carrís da estrada existente e extensión dunha capa de rodadura en toda a plataforma da vía na zona de actuación.

Para iso, construiranse ou renovaranse 3,27 quilómetros de beirarrúas, que unirán e completarán treitos xa existentes, cunha sección tipo de 1,80 metros de ancho variable, que se reducirá a 1,20 metros alí onde non exista espazo suficiente.

Acometeranse outras actuacións complementarias centradas no reforzo da seguridade viaria, como a relocalización e mellora da protección de pasos de peóns para facelos máis visibles, ou a reordenación dos aparcadoiros. No proxecto inclúese tamén a reposición e prolongación da actual canalización de abastecemento ao longo dos treitos mentres que, nos accesos ás vivendas e nas entradas aos predios rebaixaranse os bordos.

Completa os treitos xa executados
Tal e como sinalaron dende o Consello da Xunta, este proxecto que se executará entre Vilagarcía de Arousa e Vilanova vén a completar os treitos de sendas ou beirarrúas que xa foron executados recentemente nesta mesma estrada PO-549 en Deiro, o que supón un paso adiante de gran calado pola mellora da zona, que a partir de agora contará cun itinerario seguro polo que a veciñanza poida desprazarse a pé entre Cambados, Vilanova e Vilagarcía, xunto á Illa de Arousa a través da senda que se atopa en execución na estrada PO-307.
Ao remate da actuación disporase non só dun itinerario continuo ao longo da PO-549, senon que a mobilidade da veciñanza verase tamén mellorada a nivel de infraestrutura, xa que os anteriores elementos para o paso dispostos ao longo da estrada dificultaban o tránsito de peóns, debido ao seu deterioro e irregularidade.
Neste sentido, trátase dunha aposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade cun investimento que beneficia a milleiros de persoas na zona e que, ademais de permitir unha mobilidade amable, terá en conta o tráfico de vehículos con zonas de aparcamento.

Comentarios