A contadora de historias nupciais

A creadora Andrea Area vén de poñer en marcha un novo estudo creativo en Noalla, dende onde deseña en acuarela unhas singulares invitacións de voda coñecidas xa en medio mundo, de Venezuela ata Madrid, pasando por México ou Barcelona. Conectar o que define a cada parella cun resultado único é a súa premisa
Andrea Area mostra algunhas das súas creacións no seu novo estudo en Noalla. GONZALO GARCÍA
photo_camera Andrea Area mostra algunhas das súas creacións no seu novo estudo en Noalla. GONZALO GARCÍA

No tocadiscos soa baixiño un vinilo de Ella Fitzgerald e Louis Armstrong. A cunca de café ben perto, a luz natural entrando pola ventá, e Andrea Area comeza a crear. Aínda que non lle gusta definirse como artista, recoñece que, coma toda creadora, precisa unha atmósfera axeitada para dar renda solta á imaxinación, que se completa cun espazo de traballo ben ordenado e unha longa lista de quefaceres.

Ela defínese coma a raíña das listaxes, pero tamén é a raíña das invitacións de voda. E iso sábeno dende Venezuela ata Madrid, pasando por Mallorca, México ou Barcelona. Precisamente, cunha parella de Madrid vén de estrear o seu novo estudo, ubicado en Noalla (Fonte de Ons, 2) que, para ela, é todo un soño. "Levaba rondándome a cabeza dende antes da pandemia. Logo estoupou todo pero, por fin, estou aquí", asegura. E é que atopar un local comercial que se adapte a unhas necesidades específicas en Sanxenxo non é doado. Pero, nas mans de Andrea, o espazo foise transformando en cuestión de semanas ata o punto de que ata os mesmos mobles teñen unha historia que contar.

Precisamente, a base de boas historias e moito agarimo compón as súas creacións, nun modelo de negocio que se basa, esencialmente, na papelería de voda, con especial atención ás súas famosas invitacións, que trascenden as fronteiras locais por medio mundo grazas ás redes sociais. A golpe de acuarela, Andrea deseña ata o mínimo detalle, nun proceso extenso pero cun resultado excepcional e, por suposto, do máis persoalizado. "Para o tema nupcial, o que triunfa é a acuarela ou o carboncillo. Eu non traballo con ningún catálogo nin plantillas editables, que é no que procuro diferenciarme. A ti pódeche gustar moito a ilustración dun pazo para o forro dun sobre, por exemplo, pero nunca vai ser igual que o de outra parella. Sempre vai ter algo diferente que represente a esa parella ao cen por cen", asegura. Neste sentido, os mapas e as localizacións ilustradas son as máis demandadas, así coma retratos da parella e incluso da súa mascota, que comezan a despuntar no eido das invitacións. "Non é o mesmo ter esta invitación, que a xente incluso enmarca, que unha invitación estándar que acaba nun caixón calquera", di.

Andrea Area traballando no seu estudo. GONZALO GARCÍA
Andrea Area traballando no seu estudo. GONZALO GARCÍA

Por iso, para facer a súa maxia, Andrea implícase a fondo con cada proceso, ata o máis mínimo detalle. "Eu sempre prefiro que as parellas me chamen case un ano antes da voda. É fundamental sempre facer unha reunión presencial ou telemática, establecer un formato, clásico ou máis rompedor, e a partir de aí comezamos a traballar ideas, que historia queren contar nesa gráfica, as súas paixóns e que queren reflexar. Marcamos unha paleta cromática, que tipografías lles gustan e un texto, no que en ocasións cada un deles pon o seu gran de area. Tamén traballamos o tema das texturas, papeis e acabados para que todo o empaque sexa redondo, ademais dos complementos, coma o lacre ou se vai levar sobre. Logo facemos probas de cor, un prototipo que ensinamos á parella e, a partir del, facemos ou non modificacións", explica. Unha vez que ten a luz verde, o proceso culmina na imprenta.

Pero iso non é todo. Meseiros, minuta, mapa de mesas ou marcasitios son outros complementos que Andrea tamén traballa a partir do deseño da invitación, e que se comezan a producir mes e medio antes do gran día. "É coma un branding nupcial. Todo o que fariamos cunha marca, facémolo cunha voda", asegura.

CON CARISMA

 Toda invitación con selo Andrea Area que se precie "ten que contar unha historia sempre, sexa o formato que sexa", afirma. Entre as súas creacións, atópase un combinado da Festa do Marisco e a Festa do Albariño para unha parella que era de O Grove e Cambados, ou un percorrido polos lugares favoritos de Venezuela para outros clientes. Entre os traballos máis elaborados, Andrea lembra "a papelería dunha voda que fixen en setembro con temática feminista, na que o nome de cada mesa era o dunha muller pioneira, co retrato de cada unha delas en carboncillo, e a súa historia por detrás do desglose da minuta", lembra. E é que cada creación pode chegar a ser tan sorprendente que "moitas veces as parellas gravan as reaccións", di. 

E, ao contrario do que se poida pensar, o mundo de Andrea Area non remata aquí. Cantante de soul e polifacética, tamén reparte creacións en forma de vídeo e fotografía corporativa e institucional, ademais de láminas personalizadas ou obradoiros monográficos nunha carreira ascendente que comezou hai seis anos e que non pensa parar.

Comentarios