Os contedores "finlandeses" de Portonovo, no punto de mira pola súa usabilidade

A instalación, que se fixo no verán, é criticada por incorporar unha tapa que "hai que tocar" ► O concelleiro de Medio Ambiente destaca a súa "accesibilidade"
O edil de Medio Ambiente. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O edil de Medio Ambiente. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Nunha actuación que tivo por obxectivo mellorar a capacidade e accesibilidade dos contedores do lixo de Portonovo, a Concellería de Medio Ambiente instalou este verán tres novas illas de colectores, dúas redondas no Porto e no Parque Espiñeiro, e unha cadrada na rúa da Perla. Agora, en pleno repunte da pandemia, esta última illa, cuxa fabricación é de orixe finlandesa, espertou algunhas críticas que aluden ao mecanismo a través do cal os usuarios depositan o lixo no interior. Deste xeito posiciónase unha veciña de Portonovo, A.M., quen critica a substitución dos antigos contedores polos novos que, a pesar de ser máis modernos e semi soterrados, contan cunha tapa que hai que levantar manualmente. "Eu penso que baixo ningunha circunstancia se debe tocar a tapa dun contedor, e menos agora en plena pandemia. Entendo que estes sexan máis modernos e grandes, pero para min supoñen unha desvantaxe con respecto aos antigos, que polo menos tiñan pedais", indica a veciña. Neste sentido, solicita que, lonxe de substituir os actuais, se lles incorpore "algún tipo de dispositivo ou unha abertura lateral". Polo momento, asegura, "eu négome a tocarlles. Imos a peor, e voume ver obligada a deixar o lixo ao lado do contedor". 

VANTAXES. Os novos contedores de Portonovo foron defendidos polo edil de Medio Ambiente, Juan Deza, quen sinalou que "o 95% das críticas que recibimos dende a súa colocación son positivas". Trátase dun "modelo fabricado en Finlandia", que pretende ser "un cambio para mellor", xa que, aínda que incorpora unha tapa, esta é especialmente lixeira. "Pódese abrir incluso facendo forza cun só dedo", asegura. "Nos contedores vellos as tapas son moito máis pesadas". Neste sentido, as novas illas de colectores de Portonovo tamén se instalaron noutras partes do municipio, coa idea de "mellorar a súa capacidade e facelos accesibles ás persoas con mobilidade reducida, xa que son semi soterrados, e só se ve o 50% da súa superficie". Este tipo de colectores tamén teñen presenza en lugares coma "A Coruña ou Torrejón de Ardoz, e estanse implantando en moitos sitios. Mesmo me chamaron de Tenerife e de moitos concellos preguntando por eles". 

En canto ao contacto directo, o edil de Medio Ambiente aclara que, aos ser semi soterrados, é posible deixar aberta a tapa para evitar tocalos, xa que "non habería cheiro, porque o lixo está soterrado", ou facer uso de luvas e de xel á hora de manipular as tapas, "como facemos con outros elementos da vida diaria". 

Comentarios