O contrato da recollida de lixo de Vilagarcía resolverase nun pleno

▶ O contrato licitouse por case cinco millóns de euros anuais (IVE incluído) e cunha duración de oito anos ▶ O Goberno local culminará en febreiro un longo e laborioso proceso
Punto Limpio Móvil de Vilagarcía. F.S.
photo_camera Punto Limpio Móvil de Vilagarcía. F.S.

O Concello de Vilagarcía porá fin en febreiro ao proceso para renovar a concesión dos servizos de recollida de lixo e limpeza viaria do municipio, o contrato de maior importe económico dos que manexa calquera administración local e que repercute directa e diariamente na veciñanza e na propia cidade. O complexo traballo técnico culminará co Pleno extraordinario que se convocará no mes de febreiro para resolver o contrato que se licitou por importe de cinco millóns de euros anuais (IVE incluído) e un cunha duración de oito anos. Previamente, a Mesa de Contratación deberá reunirse por última vez para realizar a proposta de adxudicación que elevará ao Pleno.

O concurso da Contenerización, recollida e transporte de residuos, xestión do Punto Limpo e limpeza viaria resolverase entre catro empresas, tras terse descartado as ofertas dos outros dous concursantes por non acadar o limiar de puntos sinalados nas bases para as prescricións técnicas, tal como recolle nas actas publicadas hoxe mesmo na Plataforma Pública de Contratación. As finalistas son FCC, Cespa, Urbaser e Valoriza. A Mesa de Contratación abriu onte as ofertas económicas, que oscilan entre os 4.619.558 euros por ano da máis baixa (IVE incluído) e os 4.783.747 euros da máis alta, sendo o prezo de licitación de 4.983.217 euros. Estas ofertas deben ser puntuadas xunto coas melloras ofertadas por cada concursante e elaborar o preceptivo informe de viabilidade antes poder facer a proposta definitiva de adxudicación á empresa que resulte con máis puntos tras sumarse todos os apartados.

Esta proposta será a que se someterá ao debate e aprobación por parte da Corporación Municipal nunha sesión plenaria que o goberno decidiu que sexa de carácter extraordinario para poder concluír o proceso e poder poñer en marcha o novo servizo canto antes.

A nova adxudicación suporá a modernización dos servizos, a súa ampliación para atender ás novas necesidades xurdidas co crecemento poboacional e tamén permitirá adaptalos aos criterios medioambientais e sustentabilidade que establecen as directrices europeas en materia de xestión de residuos.

Novidades: Punto Limpo de Pinar do Rei

Como novidades, o contrato inclúe tamén a xestión do Punto Limpo de Pinar do Rei que agora asumía o Concello, o traslado do refugallo ás plantas de tratamento autorizadas e a recollida de residuos complementarios en mercados e eventos, ademais de tres novas prestacións que se suman á xa existente de recollida de voluminosos: os Puntos Limpos Móbiles, a recollida de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos (RAEE´s) e a recollida porta a porta de residuos de cartón comercial.

Limpeza viaria

A segunda parte do contrato é a que aborda a limpeza viaria e de espazos públicos. Aquí inclúese tanto a limpeza diaria de rúas como o desbrozo de cunetas e a limpeza de praias. Ademais da intensificación das frecuencias dos traballos e da ampliación de zonas a limpar, os pregos conteñen outras melloras na prestación tales como o servizo de baleirado e limpeza de papeleiras; a limpeza de pintadas e graffitis, así como a de marquesiñas.

Comentarios