"A Covid-19 estase a utilizar como excusa para trasladar o mercadiño de Cambados"

O colectivo de vendedores ambulantes volve rexeitar o cambio de ubicación proposto polo Concello e pide a súa reanudación inmediata
Posto de comestibles en Cambados. DP
photo_camera Posto de comestibles en Cambados. DP

Os vendedores ambulantes do mercadiño de Cambados non ceden ante a proposta do cambio de localización por parte do Concello, ao que esta vez acusa de utilizar a Covid-19 "como excusa perfecta para cambialo sen consultar aos implicados". "Resulta sospeitoso o feito de que este cambio de mercado xa leva moito tempo querendo facerse", asegurou o colectivo mediante un comunicado. Con anterioridade, o concelleiro Xurxo Charlín explicou que a necesidade de trasladar o mercadiño á rúa Nova dase co obxectivo de garantir as medidas de seguridade, xa que neste lugar hai máis facilidades "para vixiar o aforo".

O colectivo de vendedores, que consta dun total de 16 postos, dos que 14 se posicionan contra o cambio de localización, segundo explicou unha representante a este medio, indicou que os requisitos "cúmprense perfectamente no lugar no que se atopa o mercado agora", e que o traslado á rúa Nova suporía o peche de tres das rúas adxacentes os días de celebración do mercadiño. Segundo sinalou a representante, a proposta de cambio de localización, ademais, vai en detrimento da loxística en canto á montaxe de postos, xa que "esa rúa é de adoquín, e hai algúns que utilizamos paletas eléctricas para facer a descarga dos productos, e esa máquina non anda ben por este tipo de solo".

"O concelleiro di que chamou persoalmente a todos os vendedores, pero sen embargo hainos que a día de hoxe, se dependese da súa chamada, non terían constancia ningunha do cambio", sinala o colectivo. Neste sentido, asegura que "a postura dos vendedores foi moi clara dende o principio, vendo comprometida a súa saúde e seguridade e a dos seus clientes co cambio. Nunca houbo acordo nin cambio de parecer". Segundo os vendedores, "que a rúa Nova cumpra requisitos non significa que reúna mellores condicións que a ubicación actual. Na actual localización só acudirían ao mercadiño as persoas que quixesen comprar, sen cortar as rúas,e sen a concurrencia de persoas".

O colectivo pediu tamén "unha reunión para que se nos explique todo isto, aínda que sexa de poucas persoas. Que nos presenten informes e que nos den os seus argumentos. Estannos dando largas e non nos reciben".

Comentarios