Cruce de acusacións entre Gonzalo Durán e Fátima Abal: "Que non se faga a vítima"

Todo derivou dos sucesos acontecidos no último Pleno en Vilanova, no que se rexeitou a petición de dimisión formulada polo PSOE
Gonzalo Durán. DP
photo_camera Gonzalo Durán. DP

O alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, e a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, protagonizaron este xoves un novo cruce de acusacións derivado dos sucesos acontecidos no último Pleno en Vilanova, no que se rexeitou a petición de dimisión formulada polo PSOE despois de que a Audiencia Provincial ratificara a condea a Durán por chamar "chacha para todo" á presidenta da Deputación, Carmela Silva, así como da recente revelación feita polo mesmo Durán, que ve un "móvil político" nun suposto "intento de incendio" acontecido na súa casa, no centro de Vilanova, no mes de setembro.

O incendio, sobre o que tivo que pronunciarse a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, obtivo este xoves unha répilica por parte de Durán, que chegou a poñer en dúbida as palabras da mesma Larriba: "si sabe que no es un móvil político, es que sí sabe algo, y si no sabe nada, no puede decir que no es un móvil político", manifestou. Para Durán, "cualquier persona con sentido común cuando se quiere quemar la casa de un alcalde piensa en un móvil político", e reafirmou que "para nosotros ese móvil es el principal".

"Llevo aguantando años una campaña de acoso y de odio, sobre todo desde 2015", afirmou o alcalde, que aproveitou para denunciar a suposta existencia "de un perfil falso" en redes sociais "que borraron en ese momento", pero "que lo tenemos gravado" onde "el 14 de septiembre, el día después de prenderle fuego a mi casa, dice que "cando un fixo tantas na política é normal que lle chegue a súa hora. Cando se pisou tanta xente por capricho acábase pagando. O fin político deste personaxe achégase". Y este perfil falso, ¿sabeis a quien le mandó este comentario? ¿Os suena quien es Fátima Abal?", salientou, entre outros cargos. "Y Fátima Abal le dio a 'like'", afirmou.

Isto provocou a reacción da alcaldesa de Cambados, que afirmou interaccionar coa publicación porque "poñía que se achegaba o final político de Durán. Porque se achega. Non sei se Durán sufriu un atentado ou non. Que non intente facerse a vítima conmigo porque o único que fai é desviar a atención desa condea que pesa sobre el. Paréceme unha falta de respeto con todas as vítimas de violencia de xénero, porque precisamente a violencia comeza por insultos. Está caendo nuns niveis de vergoña allea", dixo.

Comentarios