'Cultura nos Cons' volve mesturar música e paisaxe na Illa de Arousa

A terceira edición do evento cultural celebrarase os días 28, 29 e 30

No proxecto colaboran varias asociacións culturais locais. ELISA PÉREZ
photo_camera No proxecto colaboran varias asociacións culturais locais. ELISA PÉREZ

Un ano máis, a música e a paisaxe volven ser as dúas pezas fundamentais do espectáculo Cultura nos Cons, que celebra a súa terceira edición coas actuacións musicais de artistas profesionais galegos, que percorrerán as rochas máis representativas da Illa.

O evento, que comezará o día 28 e finalizará o xoves 30, realízase co obxectivo de combinar a natureza que caracteriza á localidade arousá coa cultura tradicional. O músico e escritor vilagarcián Manuel Seixas, que participará neste ciclo musical co seu grupo Condenados, salientou onte, no acto de presentación desta actividade, a importancia turística da Illa, que segundo afirma, está "chea de vida cultural".

A xornada empezará o próximo martes coa clásica ruada polos cons da vila, que protagonizarán o recoñecido actor Carlos Blanco e o contacontos lalinense Celso Sanmartín. Os intérpretes realizarán unha camiñada que se iniciará no Con do Navío ás 20.30 horas, ao mesmo tempo que a música da agrupación tradicional Dorna acompañará as súas narracións.

O día 29, A Illa de Arousa contará coa presenza do multiinstrumentista e produtor vigués Pablo Novoa, coñecido por formar parte da banda que actúa en vivo no programa Late motiv, de Andreu Buenafuente. O guitarrista tocará, ás 21.30 horas no Portiño, coa formación Condenados, da que son artífices Xurxo Romero, Santi Frutos e Manuel Seixas.

A cantante galega Sonia Lebedynski encargarase de traer o folk ó municipio. A artista actuará o xoves 30 no Con do Forno a partir das 21.00 horas, co grupo local Pentamorión, formado por dez guitarras e dous acordeóns.

Todos os actos son de balde e celébranse no solpor, o que permite converter á vila nunha paisaxe cultural propia do verán.

No proxecto de Cultura nos Cons non só colabora o Concello, senón tamén varias asociacións, como a Asociación Con de tres pés, a Asociación Cultural Dorna ou a Asociación Pentamorión.

Comentarios