A demolición da comandancia deixa vía libre para construír o centro de saúde de Vilagarcía

Os traballos para desmantelar o antigo edificio situado na Avenida da Mariña comezan este xoves co valado do recinto e a clausura do depósito de gas existente na parcela
Edificio da antiga Comandancia de Mariña. DP
photo_camera Edificio da antiga Comandancia de Mariña. DP

A requerida demolición do edificio da antiga Comandancia de Mariña arranca este xoves. A instalación do valado de seguridade ao redor do recinto será a primeira actuación que levan a cabo os operarios da empresa Excavaciones J. Carreira S. L., a adxudicataria da obra, dedicándose, a partir da semana que ven, a acometer as distintas fases do plan de traballo establecido para deixar completamente libre a parcela na que se emprazará o novo centro de saúde de Vilagarcía.

Unha vez rematada a actuación na que o concello arousano inviste 150.000 euros, a administración local porá os terreos a disposición da Consellería de Sanidade para que constrúa as demandadas e necesarias infraestruturas sanitarias que substituirán ao insuficiente e obsoleto ambulatorio de San Roque.

Segundo o plan de actuación fixado pola empresa, tras asegurar o perímetro nestes dous últimos días da semana, comezarán os traballos de "degasificación" do depósito de gas existente no solar, que debe quedar convenientemente selado antes de ser desmontado. A partir do luns iranse desenvolvendo as restantes fases do proxecto. En primeiro lugar, procederase á desmontaxe do mural de azulexo que preside a fachada principal da antiga Comandancia, composición artística que se pretende incorporar ao futuro edificio do centro de saúde.

Ao mesmo tempo irase traballando no interior do edificio para comezar co baleirado dos restos de mobiliario e refugallo que poidan ter quedado e para ir retirando marcos, portas e fiestras, así como pezas sanitarias e outro tipo de entullos. O seguinte paso será proceder á retirada do amianto da cuberta do aparcamento posterior da propiedade.

Rematadas todas estas labores será cando se proceda á demolición propiamente dita e, finalmente, á retirada de entullos, que serán trasladados ás correspondentes plantas autorizadas para o seu tratamento, e á limpeza da parcela.

A demolición da Comandancia é un dos proxectos máis esperados polos vilagarciáns polo que representa e polo que permitirá visibilizar: que o novo centro de saúde está cada vez máis preto de materializarse.

Comentarios