Denuncian paradas na atención en Baltar: "En 30 minutos podes morrer"

Un usuario do centro de saúde vén de interpoñer unha reclamación tras agardar media hora ás portas do edificio a causa do cambio de garda de Urxencias
Centro de Salud de Baltar. RAFA FARIÑA (ADP)
photo_camera Centro de Salud de Baltar. RAFA FARIÑA (ADP)

O centro de saúde de Baltar vén de protagonizar un novo episodio de indignación por parte dun usuario que, ao acudir por Urxencias, tivo que agardar ás portas do edificio por espazo de media hora a causa do peche momentáneo das instalacións, debido ao cambio de garda entre a atención por Urxencias e a apertura de Consultas. O usuario, Francisco Estévez, persoouse ás 7.45 horas da mañá en Urxencias do PAC de Baltar debido a fortes molestias no tracto urinario. "Foi nada máis erguerme, e marchei a Urxencias. Ao chegar alí, sen preguntarme sequera que me pasaba, un empregado impediume a entrada, dicindo que Urxencias acababa de pechar e que me tiña que dirixir á porta principal e agardar a que abrira ás 8.00 horas", explicou o afectado.

Unha vez alí, e xa na suposta hora de apertura, 15 minutos despois da súa chegada ao PAC, "as portas seguían pechadas, e eu agardando fóra. Cinco minutos despois entrou ao centro unha empregada á que lle expliquei que viña de Urxencias, e díxome que tiña que agardar a que acenderan os ordenadores", asegurou Estévez. O centro de saúde abriu as portas finalmente ás 8.15 horas, tal e como asegura o usuario, "media hora despois de que eu chegara, e un cuarto de hora despois da hora á que se supón que as Consultas deberían estar operativas. Afortunadamente o meu non resultou ser nada grave, pero se chega a ir unha persoa con risco de infarto falece ás portas, agardando. En 30 minutos podes morrer", denuncia o afectado.

Neste sentido, Estévez xa presentou a correspondente reclamación na que afirma non entender "que uns servizos médicos pechen 15 minutos antes por apagar os ordenadores e que o outro servizo abra 15 minutos despois da hora por ter que acendelos. É incomprensible, e máis cando falamos de vidas humanas, de persoas que acoden por urxencias". Non é a primeira vez que este veciño de Sanxenxo aqueixa problemas no PAC de Baltar. O pasado mes de febreiro o Chup rexeitou a este centro a solicitude dunha cita médica, de cuxa reclamación "aínda non hai resposta".

Comentarios