O Concello de Sanxenxo acordou coa Deputación de Pontevedra unha serie de modificacións no proxecto do campo de fútbol de Dorrón, co obxectivo de poder dotar á instalación de céspede artificial, entre outras melloras.
O goberno local trasladou estas peticións á Deputación, entidade financiadora do proxecto, por un importe total de 472.132,61 euros. Ademais, tamén consensuou estes cambios no proxecto coa directiva do Dorrón C.F., principal entidade usuaria da instalación.
As melloras solicitadas polo Concello de Sanxenxo modificarán notablemente a apariencia final do campo de fútbol, que xa non se renovará tal e como estaba especificado no proxecto inicial. Segundo estes cambios, a inversión concentrarase no terreo de xogo, que anteriormente era de terra, cunha medida de 96 metros de longo por 58 metros de ancho, e que agora pasará a ser de herba artificial. Ademais do cambio do material que formará o terreo de xogo, o campo tamén gañará uns metros. Así, pasará a medir 100 metros de longo por 60 metros de ancho.
Sen embargo, esta mellora do terreo de xogo atopa a súa contrapartida no diñeiro destinado á renovación do vestiario e das bancadas, espazos sobre os que o goberno local comenta que se fará "unha actuación máis sinxela", deixando a porta aberta a mellorar estas instalacións nun futuro.
Esta nova actuación, que agarda ser licitada próximamente, segundo informa o Concello, prevé, ademais, as demolicións previas que sexan pertinentes, o movemento de terras, unha capa de aglomerado para a base do céspede sintético e, por suposto, a construción do terreo de xogo en céspede sintético, ademais da instalación do sistema de recollida de pluviais, a iluminación do campo con catro columnas de luz, un novo equipamento con novas porterías, bandeiras, barandillas e redes.
O proxecto tamén inclúe a construción dun novo aparcadoiro para os vehículos na zona de acceso ao campo e a execución dun novo muro que posibilite o peche da parcela dunha forma axeitada.
O proxecto especifica que o céspede sintético que se instalará será de 60 milímetros de altura, de última xeración, e lastrado con area e caucho. Para o drenaxe do campo, o Concello prevé a execución de dúas canaletas de 15 cm de ancho, situadas nos lados longos do campo. O sistema de rego estará composto por seis aspersores, controlados con electroválvulas dende un programador.
Para a iluminación, segundo o proxecto, situaranse catro torres de 16 metros de altura no prerímetro do campo, con catro protectores de 2.000W. O peche da parcela farase con formigón armado, e a nova entrada ao campo será polo lado oposto ao que está situada a actual entrada, por ser unha zona máis accesible e cercana ao novo aparcamento.
A intención do Concello é a de destinar unha partida de máis de 245.000 euros á mellora das instalacións do campo de O Revel, que o Goberno local anunciou cun prazo de execución de dous meses. As obras consisten no desmonte e retirada do equipamento deportivo e do céspede artificial antigo, para o que se utilizou unha maquinaria específica para este tipo de traballos. A nocva superficie está composta por unha base elástica prefabricada de 10 milímetros de espesor, céspede de última xeración e un pegado con dobre capa de polipropeno. A actuación conclúe co marcaxe dos campos de fútbol 11 e fútbol 7.