A Deputación aproba o convenio para a senda peonil entre Noalla e A Lanzada

Carmela Silva deu luz verde ao proxecto valorado en 760.000 euros, que mellorará a seguridade viaria ao longo dun treito de 1,2 quilómetros
Carmela Silva. EFE
photo_camera Carmela Silva. EFE

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu este xoves luz verde a aprobación do proxecto de mellora da seguridade viaria e construción dunha senda peonil entre Noalla e A Lanzada, que aborda hoxe a xunta de Goberno. Silva anunciou a aprobación aclarando que se fará "baixo o modelo de referencia da Deputación de mobilidade amable e sostible" e que se trata dunha actuación "moi potente" nunha zona que considerou "un dos lugares máis fermosos da nosa provincia, que merece que as súas infraestruturas teñan un tratamento axeitado ao entorno".

O convenio lévase a cabo baixo a cesión de terreos por parte do Concello de Sanxenxo, e conta cun orzamento de 760.000 euros en total, dos que a Deputación achega o 70%, mentres que o Concello se fará cargo do 30% restante.

A actuación consiste en construír unha senda peonil duns tres metros de ancho, e dunha lonxitude de 1,2 quilómetros en total, na marxe dereita da estrada EP 9212 entre Noalla e a Praia de A Lanzada, e paralela ao actual trazado. Desenvolverase en plataforma única, tal e como lembrou a presidenta da Deputación, salvo algunhas zonas máis estreitas, por debaixo dos tres metros de ancho previstos para a maioría da estrutura, nos que será necesario desenvolver unha "zona de convivencia" que, en calquera caso, terá "prioridade peonil". Serán zonas que teñen "pouco ancho, pero certamente, todos eses quilómetros van estar pensados para unha mobilidade amable para os peóns como grande prioridade", sinalou Carmela Silva.

A presidenta da Deputación aclarou que o proxecto tamén prevé a execución do reforzo do firme na plataforma para o paso de vehículos, así como a renovación da sinalización horizontal e vertical que, tal e como considerou Carmela Silva, "é tan importante para manter a seguridade viaria".

A aprobación do proxecto por parte da Deputación de Pontevedra supón un dos pasos clave para a realización do proxecto, que se abordou por última vez o pasado mes de xaneiro en conxunto co Concello de Sanxenxo, nunha reunión mantida en Pontevedra na que se tratou a mellora da EP 9206 entre Portonovo e Vichona e Rúa do Río, así como na estrada provincial EP 9212 entre Noalla e a Praia de A Lanzada. No caso da primeira obra, era unha actuación moi demandada polos veciños, que incluso chegaron a recoller sinaturas para esixir a mellora da seguridade viaria. En conxunto, a renovación dos dous tramos supón un pulo á seguridade viaria en dous puntos de Sanxenxo para o que, no caso da senda peonil entre Noalla e a Praia da Lanzada, a Deputación Provincial xa tiña redactado o proxecto dende o mes de xaneiro, polo que agora se poderá proceder á súa próxima licitación.

Comentarios