A Deputación porá en marcha o anteproxecto para completar a senda entre Noalla e A Lanzada cun tramo da EP-9208

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asumiu o compromiso de executar o tramo que discorre entre a igrexa de Santo Estevo de Noalla e o antigo cuartel, se ben o Goberno local aposta por ampliar o trazado un quilómetro ata Pontes

Representantes da Deputación Provincial, do Goberno local, do PSOE municipal, da comunidade de montes e da asociación de veciños de Noalla este mércores durante a presentación. DS
photo_camera Representantes da Deputación Provincial, do Goberno local, do PSOE municipal, da comunidade de montes e da asociación de veciños de Noalla este mércores durante a presentación. DS

A senda Noalla-A Lanzada poderá sumar uns tres quilómetros, dando cumprimento á demanda histórica da veciñanza de Noalla, que dende hai varios anos viña solicitando a execución dun trazado peonil que abarcase as inmediacións do antigo cuartel da Garda Civil, en O Casal. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, comprometeuse este mércores durante a presentación do tramo xa executado na EP-9212, de 1,2 quilómetros de extensión, e con epicentro no Pazo de Quintáns, a encargar o anteproxecto que permitirá ampliar a senda dende a igrexa de Santo Estevo de Noalla ata o mentado cuartel, nun tramo da EP-9208 que entronca coa vía xa humanizada.

A petición formulada polo alcalde, Telmo Martín, inclúe un tramo dun quilómetro máis ata o lugar de Pontes, e a construción de zonas de convivencia a imitación do modelo xa executado. No obstante, tal e como sinalou a presidenta da Deputación, tras a elaboración do anteproxecto, Concello e Deputación volveranse reunir "xunto coa xente que vive neste territorio" para discutir os detalles e, posteriormente, "convertelo nun proxecto e iniciar todo o procedemento para que sexa unha realidade". Segundo sinalou Silva, "neste momento é máis factible poder comprometelo, porque estamos recibindo moitos recursos dos fondos Next Generation, que nos están permitindo avanzar máis nos 1.700 quilómetros de viais provinciais que temos, máis que ningunha outra administración".

Cabe lembrar que na zona de ampliación da senda, na EP-9208, o Concello xa levara a cabo con anterioridade as expropiacións das parcelas necesarias, atendendo ás demandas da veciñanza, polo que, de cara á futura obra, xa non sería necesario acometer este paso. Ademais, o Concello xa realizara unha valoración económica e un debuxo inicial da actuación, que agora serán avaliados pola Deputación para acometer o anteproxecto. "Seguiramos traballando, porque hai que rematar toda esta infraestrutura, tanto na zona final como na zona da igrexa", sinalou a presidenta da Deputación, quen tamén valorou que "paréceme obrigado que os concellos queiran ir modernizando o seu territorio, sobre todo as infraestruturas que ata hai pouco estaban pensadas para pasar vehículos e que agora teñen que estar pensadas para que as persoas ocupen o espazo público".

Segundo estimou o alcalde, quen tamén quixo lembrar ao ente provincial que "temos pendente a xoia da coroa, como é a ermida da Lanzada", o proxecto de ampliación da senda levarase a cabo o vindeiro ano 2023, entre as corporacións que resulten "no Concello e na Deputación despois das eleccións".

Finalización do primeiro tramo

O alcalde e a presidenta da Deputación valoraron positivamente o resultado da senda xa executada, cun investimento que ascendeu a preto de 800.000 euros, financiada ao 30% polo Concello de Sanxenxo con fondos do Plan Concellos e ao 70% pola Deputación, a través dun convenio. Precisamente, todo apunta a que este modelo de financiación repetirase á hora de executar o vindeiro tramo da senda, tal e como propuxo o alcalde.

Tanto Martín como Silva non dubidaron en sinalar o cambio no entorno xa que, segundo apuntou o alcalde, "esta era unha estrada perigosa, hai moitos veciños que viven aquí e que estaban moi preocupados por isto". Ademais da ampliación de beirarrúas nos tramos nos que foi posible e a creación de dous espazos de convivencia, un deles tendo en conta o Pazo de Quintáns, a velocidade de circulación quedou reducida significativamente a 20 quilómetros por hora.

Comentarios