A Deputación reafirma o seu apoio económico ás Festas de San Roque de Vilagarcía

Cunha aportación de 6.000 € financia o concerto de Fuel Fandango, que abrirá o programa musical na noite do vindeiro venres día 13
Unha imaxe da Festa da Auga do ano 2019. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Unha imaxe da Festa da Auga do ano 2019. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Deputación Provincial de Pontevedra reafirma o seu apoio aos grandes eventos de interese turístico da provincia pontevedresa. A institución que preside Carmela Silva vén de aprobar o convenio co Concello de Vilagarcía de Arousa destinado a aportar fondos para as Festas de San Roque, aínda que este ano, debido ás restricións pola covid, a axuda dirixirase á celebración do concerto de Fuel Fandango, que abrirá o programa musical a noite do 13 de agosto, unha vez suspendidos os actos multitudinarios da Feira da Auga, evento multitudinario de interese turístico nacional.

A Festa da Auga, que ten lugar ao mediodía do 16 de agosto, día de San Roque, foi cancelada polo Concello ao igual que outros actos que congregan a milleiros de persoas como o Combate Naval e o desfile de carrozas. Tomouse a decisiòn de manter os concertos en espazos abertos e con aforo máximo de 500 persoas e medidas sanitarias para garantir a seguridade, así como o Festiclown.

Cunha aportación de 6.000 euros, a Deputación de Pontevedra financia o concerto de Fuel Fandango, o dúo encargado de dar o pistoletazo de saída musical da gran festa da vila cun concerto gratuíto no parque de A Xunqueira.

O obxectivo do organismo provincial é dar a coñecer as festas de San Roque fóra das nosas fronteiras a través da Festa da Auga

O obxectivo do organismo provincial é dar a coñecer as festas de San Roque fóra das nosas fronteiras a través da Festa da Auga e demais actividades lúdicas e culturais, a fin de fomentar a promoción turística do municipio, da comarca e da provincia.

Nesta liña, a Deputación, a través de Turismo Rías Baixas, mantén un firme compromiso de apoio ás grandes festas de interese turístico. A nivel internacional teñen esta categoría a Rapa das Bestas de Sabucedo –A Estrada–, a Feira do Cocido de Lalín, a Arribada de Baiona, as alfombras florais do Corpus Christi de Ponteareas, a Romaría Viquinga de Catoira e a Festa do Albariño de Cambados.

No ámbito nacional contan coa distinción a Festa da Auga de Vilagarcía, a da Lamprea de Arbo, a do Marisco de O Grove e a da Reconquista de Vigo.

Comentarios