Detido en Vilagarcía por romper o parabrisas dun coche policial e golpear a un axente

Os feitos aconteceron o domingo ao mediodía nas inmediacións da Xefatura
Coches de la Policía Local de Vilagarcía. CEDIDA
photo_camera Coches da Policía Local de Vilagarcía. CEDIDA

A Policía Local de Vilagarcía detivo este domingo a un home de 38 anos por causar danos nun vehículo policial e por opoñerse á autoridade. Trátase de F.P.C., natural de Catoira e domiciliado en Vilagarcía.

Os feitos aconteceron a plena luz do día, ás 12.44 do domingo, cando unha chamada á Xefatura advirte de que había un home golpeando un coche patrulla que se atopaba aparcado nas zona, dando a súa descrición e indicando por onde fuxira. Os danos causados no coche foron a rotura do parabrisas dianteiro.

Seguindo as indicacións da persoa denunciante, os policías desprazados a pé o localizan en Arcebispo Lago e danlle o alto na Rúa Baldosa, ao que o individuo responde propinándolle un golpe a un dos axentes e tirándoo ao chan antes de escapar.

Tras perseguilo uns metros máis conseguen alcanzalo e reducilo, pese á resistencia que puxo en todo momento dando patadas e cuspindo aos axentes, segundo consta no atestado. Despois de lerlle os dereitos e proceder a súa detención, o home foi trasladado ás dependencias da Policía Nacional en espera de pasar disposición xudicial.