Doazón á vila vilagarciá do mural 'Alegoría de la Pesca, la Industria y la Agricultura'

Despois do peche das instalacións, hai xa dous anos, o cadro foi trasladado a un almacén de Vigo

O Concello de Vilagarcía incrementará en breve o seu patrimonio histórico-artístico cunha obra dun dos seus autores máis queridos, Antón Rivas Briones. Trátase dun gran mural, de 5,40 x 1,90 metros, titulado Alegoría de la Pesca, la Industria y la Agricultura, o mesmo que dende 1972 e ata hai apenas dous anos colgou nas paredes da oficina de Banesto (en orixe, Banco Español de Crédito) na rúa Castelao. Despois do peche das instalacións, hai xa dous anos, o cadro foi trasladado a un almacén de Vigo. Foi a dirección da oficina principal do Santander en Vilagarcía a que ofreceu ao alcalde, Alberto Varela, a posibilidade de que a pintura regrese á cidade a través dunha doazón do grupo bancario ao Concello, que se plasmará nun acto protocolario e a sinatura dun convenio.

O Goberno local quere agradecer publicamente "o ofrecemento do Grupo Santander, pola súa preocupación pola conservación do patrimonio e tamén pola circunstancia de que se trata dunha obra que forma parte da cultura local".

Comentarios