As dornas de Portonovo quedarán sen pantalán tras a negativa de Portos

O colectivo Amigos da Dorna denunciou a decisión do ente autonómico de non renovar a autorización para o amarre das embarcacións tradicionais que a asociación mantiña dende 2017
undefined
photo_camera O pantalán que utililizaba a asociación para as embarcacións tradicionais en Portonovo. CEDIDA

O pacto para o uso do pantalán que se creou no porto de Portonovo para permitir un amarre máis económico a propietarios de embarcacións como mariñeiros xubilados, e que ata marzo de 2020 utilizaba tamén o colectivo Amigos da Dorna queda definitivamente roto. Nunha reunión mantida con representantes da asociación, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, deu traslado da intención do ente autonómico de non renovar a autorización que ata esa data permitía o uso do espazo para as embarcacións tradicionais, e que a asociación mantiña dende o ano 2017.

A decisión adoptada caeu como unha xerra de auga fría entre o colectivo que, antes da finalización da autorización, hai mais dun ano, remitira a Portos a solicitude de renovación que "nunca foi contestada. Agora entendemos que co obxectivo de darnos largas". Así o explicou o vicepresidente da asociación, Alejandro Piñeiro, quen asegurou que Portos "xa abriu a veda para ofertar prazas de amarre" no espazo de 12 metros por cada lado do pantalán no que anteriormente fondeaban as dornas da vila, pasando a crear 12 novas prazas destinadas a embarcacións deportivas. De feito, asegura, "algúns barcos do Club Náutico xa saíron de alí e mudáronse a este pantalán porque é máis barato".

Aínda que a resolución do ente autonómico sobre a autorización para o fondeo das embarcacións tradicionais non foi oficializada por escrito, segundo valoraron dende a asociación, "parece non ter volta". Isto supón dar marcha atrás ao Plan de Usos que recolle que o pantalán en cuestión "non pode ser utilizado por embarcacións que polas súas características poidan amarrar no Náutico", tal e como aclarou Piñeiro.

Na actualidade, as embarcacións tradicionais coas que conta a asociación, e entre as que se atopa a emblemática Surfeira, xa non facían uso frecuentemente do pantalán, ao atoparse fóra da legalidade

Na actualidade, as embarcacións tradicionais coas que conta a asociación, e entre as que se atopa a emblemática Surfeira, xa non facían uso frecuentemente do pantalán, ao atoparse fóra da legalidade. Nestes momentos, dúas das dornas permanecen amarradas en boias "prestadas" de xeito provisional, ata a chegada dunha solución que a asociación non agarda "en meses, como mínimo". Neste sentido, de cara ao verán buscará amarres provisionais deste tipo, pero agarda unha vindeira reunión con Portos para darlle traslado das súas propostas para solucionar unha cuestión que implica deixar sen protección parte do patrimonio da vila mariñeira. Para Amigos da Dorna as posibles solucións pasan por que "Portos libere espazo do pantalán eliminando de alí algunhas embarcacións que se atopen en condicións de irregularidade e nolo ceda", ou "ampliar 12 metros un dos pantaláns para facernos espazo". En calquera caso, valoran, o proceso poderíase dilatar ata un ano, se Portos dera o visto bo.

A negativa á renovación da autorización tamén supón desterrar polo momento calquera idea de dispoñer o anhelado museo flotante no pantalán, un dos principais obxectivos da asociación, que agora se ve truncado, posto que dependía da renovación deste permiso.

A asociación chegou a acusar ao ente autonómico de "persecución e abuso de poder", posto que, aseguraron, "nos 25 anos de vida da asociación nunca tiña acontecido algo similar. As nosas embarcacións xa fondeaban en Portonovo antes da instalación dos pantaláns e levamos 17 anos amarrando nel. Portonovo merece que o seu porto sexa xestionado pensando tamén nos veciños e cunha visión non só mercantil", denunciaron.

Comentarios